marea de vigo pide políticas reais e non improvisacións para loitar pola erradicación da pobreza na nosa cidade.

17 de Outubro de 2018

Marea de vigo pide políticas reais e non improvisacións para loitar pola erradicación da pobreza na nosa cidade.

No día internacional pola erradicación da pobreza, o grupo municipal da Marea de Vigo pide que se aumente o gasto en política social feito polo Concello, axustándoo aos niveis de pobreza cos que conta a nosa cidade.

Vigo, 17-10-2018. Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, lembra que “Somos xa a cidade galega onde se detecta o maior aumento de solicitudes da RISGA nos pasados anos, triplicándose dende o inicio da crise, a pobreza está incrementándose exponencialmente día tras día. Na nosa cidade esa cifra xa supera o 20% segundo os últimos datos que ofrecía EAPN-Galicia”.

Marea de Vigo cualifica como ‘remendo’ o que está facendo o goberno local en materia de política social, e pon como exemplo a fragmentación que se está a facer coas axudas, pola que este ano, a mesma familia co mesmo nivel de ingresos e a mesma problemática que o ano pasado, está recibindo importes moito menores. Tamén critica que o goberno local do PSOE utilice argumentos como que o aumento do orzamento do servizo de Axuda no Fogar é unha decisión do goberno local para mellorar as políticas en materia social, cando a realidade é que nin é unha opción da entidade local nin hai garantías de que con ese aumento melloren as condicións laborais das traballadoras do servizo nin das persoas usuarias, tendo como única certeza o feito de que a empresa que o xestiona, Clece, do grupo ACS, vai obter maiores ingresos.

No pasado ano, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presentaba unha moción para dotar a Vigo dun Plan Local contra a Pobreza, onde se contiñan unha serie de medidas para mellorar a vida das persoas en situación de exclusión, evitar a situación de rúa e desamparo e polo tanto, traballar en parello para reducir a pobreza. Esta moción foi rexeitada ao contar cos votos en contra do PSOE, mais Marea de Vigo insiste na necesidade da adopción de medidas desde o ámbito municipal. Neste ano 2018, o grupo municipal levaba ao Pleno outra moción cuxo principal obxectivo baseábase na incorporación das medidas necesarias para que as cuantías da RISGA se achegasen ao marcado no indicador AROPE, neste caso apoiada polo grupo socialista ao estar enteiramente dirixida a instar á Xunta.

“Necesitamos espazos de coordinación entre as administracións xunto á dotación orzamentaria necesaria para que as axudas de emerxencia realmente resulten eficaces. Esta coordinación tamén debe facerse coas entidades sociais que traballan pola erradicación da pobreza e a exclusión social, poñendo en valor o traballo feito por estas, xa que resulta fundamental para o desenvolvemento do traballo que se realice neste eido. Isto debería ser prioritario nas políticas a levar a cabo desde a institución máis proxima á veciñanza, como é o Concello” conclúe Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.