marea de vigo pide que 15 millóns de euros dos remanentes vaian directamente a subvencións ao comercio local e hostalería.

2 de Novembro de 2020

Marea de Vigo pide que 15 millóns de euros dos remanentes vaian directamente a subvencións ao comercio local e hostalería.

O Grupo municipal prepara emendas á modificación orzamentaria do remantente prevista para a súa aprobación no vindeiro 12 de novembro baseando a súa proposta en que o tecido cultural da cidade, o pequeno comercio e hostelería acaparen cando menos 15 dos 33 millóns de euros do modificatorio, en consonancia coa proposta xa presentada por parte da Marea de Vigo ao Goberno local durante a pandemia.

02-11-2020. Para a Marea de Vigo, “segue sendo necesario empregar de xeito urxente estes recursos en base ao acordado no Congreso dos Deputados e Deputadas” polo que considera que “o feito de que o Concello de Vigo actúe con celeridade é positivo; pero obviamente as prioridades de gasto anunciadas non son prioritarias nesta situación que a cidade está a vivir co incremento dos casos e das consecuencias económicas derivadas do virus da COVID-19” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo pactará co tecido social da cidade as emendas a presentar, nas que incluirá as mesmas cuestións sobre as que xa dera traslado en forma de proposta ao Pleno de hai varios meses:

Por unha banda, a aprobación dun PLAN DE RECONSTRUCIÓN ECONÓMICA da cidade que tome como referencia o superavit do 2019, os remanentes de tesourería e as modificacións necesarias do actual orzamento municipal. Para tales empregos, “xa advertíamos que era esencial a modificación ou interpretación da Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, por desgraza aínda en vigor, pero que coa eliminación do teito de gasto permite afrontar usos máis ambiciosos e centrados na minoración do impacto da crise da COVID-19 na nosa cidade” apunta Rubén Pérez. A prioridade dos recursos debería ser, primeiramente, un plan de axudas ao comercio e hostalería local, un programa que complete ao catálogo de servizos sociais da cidade con aumentos das axudas de emerxencia (cando menos duplicar o importe actual) e políticas de vivenda en forma de parque municipal de vivenda de emerxencia. “Para estes desempeños o Concello debería adicar cando menos 20 millóns de euros como propuxemos no pleno do pasado mes de abril” engade Pérez.

Por outra banda, urxe implementar un programa de inxección económica directa ao tecido cultural da cidade (segundo o IGE en Vigo hai 190 empresas culturais das que 113 son persoas físicas, 46 sociedades limitadas e varias cooperativas e outras formulacións legais) que evite os erros de pretender que produzan gratuitamente durante o confinamento ou a moratoria de apertura de teatros, centros culturais, locais de música, etc…que temos visto nestes días. Dito programa contaría xa con máis de 300.000 euros do asignado orzamentariamente a O Marisquiño, parte subsancial do que non poida ser executado do programa de festas de Vigo polas limitacións de aforo e as cancelacións de artistas internacionais. “Un programa que coloque a cultura de Vigo como a primeira cidade cultural de Galicia e que recoñeza o carácter profesional da producción artística e cultural”.

A terceira prioridade serían as obras, humanizacións ou actuacións necesarias nas que este grupo municipal non poñería obxección “sempre e cando teñamos solventadas as necesidades orzamentarias máis urxentes” conclúe Rubén Pérez.