marea de vigo pide que as administracións públicas garantan o mantemento do emprego de calidade nos novos proxectos para os antigos estaleiros vulcano e barreras.

4 de Maio de 2022

Marea de vigo pide que as administracións públicas garantan o mantemento do emprego de calidade nos novos proxectos para os antigos estaleiros Vulcano e Barreras.

Rubén Perez: “A pesar de que a súa aportación ao PIB nos últimos anos na cidade foi diminuíndo, o sector naval da nosa cidade segue sendo un sector estratéxico pola súa capacidade de xerar emprego e riqueza. As administracións deben apoiar os proxectos industriais nos estaleiros senlleiros da cidade pero sempre ligados ao mantemento de emprego”.

Vigo, 04-05-2022. Marea de Vigo traslada a súa preocupación sobre o impacto que terá no emprego o desenvolvemento dos futuros proxectos nas instalacións de Barreras e Vulcano, tras coñecer que as instalacións de Barreras van ser asumidas polo estaleiro Armón, sumado ao proxecto industrial en ciernes sobre o antigo estaleiro Vulcano con Marina Meridional. “As novas que imos coñecendo resultan moi preocupantes, xa que tanto un proxecto coma o outro pretenden minguar gran parte do cadro de persoal que existe actualmente nos estaleiros” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo incide en que calquera administración pública que actúe nesta cidade “ten que velar polo mantemento do emprego no sector, que este siga sendo emprego de calidade tratándose ademais de emprego consolidado no sector, con persoal que ten experiencia e que leva moitos anos traballando no naval” matiza o voceiro.

Mais, desde Marea de Vigo, alertan que tanto o proxecto para Barreras coma o proxecto para Vulcano poidan ir reducindo os traballadores que xa viñan dos propios estaleiros, “tratándose de persoal con alta especialización e tamén alta sindicalización – incide Pérez -, buscando mecanismos de precarización do sector para volver ás estratexias de subcontratación permanente no sector naval”. Sistema que, segundo lembra o voceiro local, “xerou gran parte dos problemas que vivimos no sector en relación a impagos a pequenas empresas empresas e con situacións e problemáticas de todo tipo en materia laboral, todo ligado a esta especie de concatenación de subcontratacións no sector”.

“As administracións deben apoiar os proxectos industriais nos estaleiros senlleiros da cidade pero sempre ligados ao mantemento de emprego e a acordos de negociación social cos sindicatos para que o persoal permaneza e poida deste xeito seguir aportando experiencia e calidade que durante moitos anos foi o selo de distinción e de recoñecemento internacional do sector naval vigués” conclúe Rubén Pérez.