marea de vigo pide que as cláusulas de mantemento do emprego digno e de calidade sexan prioritarias na contratación pública do concello de vigo

21 de Xullo de 2015

MAREA DE VIGO PIDE QUE AS CLÁUSULAS DE MANTEMENTO DO EMPREGO DIGNO E DE CALIDADE SEXAN PRIORITARIAS NA CONTRATACIÓN PÚBLICA DO CONCELLO DE VIGO

Marea de Vigo considera que a situación actual de priorización do criterio de “oferta máis económica” na contratación fomenta a precarización das condicións laborais nas plantillas das subcontratas.

Rubén Pérez, voceiro municipal da Marea de Vigo, considera que nos plegos de contratación e licitación do Concello de Vigo teñen que xeneralizarse as cláusulas sociais como cumprir a lei de subcontratas para evitar a concatenación de empresas para a xestión dos servizos públicos, ou outras como non ter reducido o número de traballadores en plantilla no último ano, certificados de cumprimento da lei de prevención de riscos laborais e non ter sancións por parte de inspección de traballo.

Marea de Vigo considera “inexistente” o seguemento da situación laboral e do cumprimento da lexislación laboral por parte do Concello nas empresas que xestionan contratos públicos e lembra que “existe unha responsabilidade directa do Concello en que en determinados servizos aparezan situacións de precaridade laboral, flexibilidade arbitraria e mesmo incumprimentos graves dos convenios colectivos.

Exemplo disto é a actuación de diferentes empresas que agora mesmo están o cargo de varias concesións públicas sobre as que Marea de Vigo quere comprobar o cumprimento das mesmas, especialmente no tocante a dereitos laborais, como é o caso de Clece, sobre a que Marea de Vigo ven de solicitar todos os expedientes das concesións onde son adxudicatarios.