marea de vigo pide que non se diminúan máis as partidas de política social e se faga compatible o ingreso mínimo vital coas axudas municipais.

18 de Xaneiro de 2022

 

Marea de Vigo pide que non se diminúan máis as partidas de política social e se faga compatible o Ingreso Mínimo Vital coas axudas municipais.
Rubén Pérez: “Vigo ten que superar os 60 euros de gasto social por habitante e Vigo ten que demostrar que quere facer unha política social avanzada facendo compatible o IMV coas diferentes axudas da administración local”.

Vigo, 18-01-2022. Ao longo dos primeiros días deste 2022 o Grupo municipal da Marea de Vigo, así como diversos colectivos sociais da cidade teñen denunciado, ten detectado que moitas familias viguesas están perdendo o IMV, tanto na totalidade como de xeito parcial. “Obviamente parte destes datos son debidos á baixada da taxa de paro mais, en moitos casos, iso non contrarresta a inflación e a subida dos prezos coa subida do IPC por enriba do 6%, o encarecemento dos combustibles, da electricidade ou dos produtos básicos, deixando igualmente a moitas familias igualmente nunha situación especialmente neste momento de crise económica ligada á pandemia” apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Rubén Pérez incide en que “non ten sentido que o Concello de Vigo, por segundo ano consecutivo, continue a diminuir as partidas de axudas de emerxencia social como son as axudas de alimento ou alugueiro”.
“Esta partida – detalla Pérez – superaba os dous millóns de euros ata a aparición do Ingreso Mínimo Vital, cando o Goberno local entendeu que era incompatible este coas axudas municipais e foi diminuíndo a partida nos seguintes proxectos orzamentarios”. Como exemplo, Rubén Pérez pon a partida de alugueiro, vivenda, alimento e consumo enerxético, “que pasou de 800.000 no ano 2020, a 500.000 no exercicio de 2021 e a apenas 300.000 neste 2022” engade.

Marea de Vigo pide por tanto que se considere compatible o IMV coas axudas sociais municipais, “e que se incrementen estas partidas coas transferencias que se están recibindo doutras administracións, co uso dos remanentes de tesourería e incluso con recursos propios do Concello” matiza o voceiro.