marea de vigo pide que a nova etapa do m.a.r.c.o. abra as decisións do padroado ao tecido cultural da cidade.

26 de Abril de 2019

Marea de Vigo pide que a nova etapa do M.A.R.C.O. abra as decisións do Padroado ao tecido cultural da cidade.

Rubén Pérez: “Esperamos que nesta etapa se abra a posibilidade de aportar contido ao futuro Plan Director dos museos da cidade e que non quede nunha mera declaración de intencións”.

Vigo, 26-04-2019. Na tarde de onte reuniuse a nova composición do Padroado do Museo MARCO, na que, tras estar apartado toda a lexislatura, entrou a formar parte o Grupo municipal da Marea de Vigo a través do seu voceiro, Rubén Pérez. A tenor da breve existencia desta representación no Padroado coas próximas eleccións municipais nun mes, Marea de Vigo considera necesario poñer enriba da mesa varias propostas para o espazo, todas elas encamiñadas á recuperación do que supuxo para a nosa cidade o Museo M.A.R.C.O., así como a proxección internacional que conseguiu durante os pasados vinte anos e que hoxe, segundo a Marea de Vigo, “está en grave perigo grazas á xestión cultural do Goberno de Abel Caballero”.

“Unha das principais eivas – di Rubén Pérez – é a falta de financiamento, hai que afrontar urxentemente a falta de recursos para o M.A.R.C.O., o orzamento actual apenas cubre o mantemento do edificio e os salarios do persoal, quedando apenas recursos para o desenvolvemento de proxectos museísticos. As outras administracións alén da municipal deben aportar financiamento de novo se queremos volver a poñer ao M.A.R.C.O. no lugar que lle corresponde”.

Por outra banda, Marea de Vigo segue apostando por mellorar a participación no propio Padroado. “Seguimos pensando que falta representacion da sociedade civil. Esta deberia estar representada a través do tecido cultural da cidade, participando así na toma de decisións relativas a este espazo museístico. Asociacións como Amigos/as do M.A.R.C.O. deberían ter un oco neste Padroado” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.