marea de vigo pide que o concello de vigo sexa un “escudo social” para protexer aos máis vulnerables.

16 de Marzo de 2020

MAREA DE VIGO PIDE QUE O CONCELLO DE VIGO SEXA UN “ESCUDO SOCIAL” PARA PROTEXER AOS MÁIS VULNERABLES.

Oriana Méndez: “Estamos de acordo e apoiamos o plan de choque sanitario que leva adiante o goberno local, en coherencia co ditado por parte das autoridades sanitarias e polos gobernos da Xunta e do Estado”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo está traballando ademais en varias propostas que lle trasladará ao Goberno local esta mesma mañá, relacionadas co sector do taxi e a obra pública.

“Non obstante – matiza a concelleira – un Concello do tamaño e da complexidade social coma Vigo, debe artellar tamén un #PlanDeChoqueSocial que analice as posibles situacións de emerxencia derivadas da crise sanitaria. Para desenvolvelo, o Goberno local debería convocar, de xeito telemático, o Consello Social da cidade, un foro de natureza consultiva que conta con representación social, económica e política. Despois dunha análise participada da situación, tocaría ao Goberno local orzamentar e executar as medidas a levar a cabo”. “Cómpre tamén escoitar e dialogar coas asociacións e coas ONG’s que traballan directamente cos colectivos máis vulnerables da cidade” engade Oriana Méndez.

Segundo a Marea de Vigo, tal e como xa anunciaron outros concellos como Barcelona, “o Concello de Vigo debe comprometerse coa sociedade viguesa e demandar ao Ministerio de Xustiza unha moratoria no pago das hipotecas daqueles veciños que non poidan afrontar o pago por verse afectados polas consecuencias desta crise sanitaria que xa está sendo unha crise social e económica”.

Porque xa hai miles de veciños e veciñas de Vigo que se enfrontan a unha crise económica peor que a de 2008, o Concello de Vigo debe ser un “escudo social” para protexer aos máis vulnerables, debe ser o exemplo dunha cidade responsable e tamén solidaria como é Vigo.
Alén de propostas en materia social, o Grupo municipal da Marea de Vigo está traballando noutras propostas no eido municipal que lle trasladará ao Goberno local esta mesma mañá. “Imos pedir medidas de seguridade para o servizo do taxi, imos demandarlle ao concello material desinfectante xa que o que teñen e absolutamente insuficiente asi coma a a voluntariedade dos servizos minimos establecidos – expón Rubén Pérez – e, en materia de obra pública dependente do Concello, pediremos a paralización da obra pública non esencial, limitando esta ao mantemento de redes, saneamento e abastecemento de auga”.