marea de vigo pide que o concello presione á sareb para a cesión de parte das vivendas da rúa aragon.

8 de Xuño de 2022

Marea de Vigo pide que o Concello presione á SAREB para a cesión de parte das vivendas da rúa Aragon.

Rubén Pérez: “Podería terse iniciado o desenvolvemento dun parque público de vivendas para Vigo, mais nin a SAREB nin neste caso o propio Goberno local tiveron interese en levar a cabo ningún tipo de negociación e as vivendas sairán á venta”.

Vigo, 08-06-2022. Unha vez coñecido que a SAREB decide executar e sacar no mercado de venta privada as 155 vivendas da rúa Aragón (xudicializadas no seu dia trala quebra dunha construtora local e paralizadas durante anos) “o que vemos é que se vai confirmando unha estratexia da SAREB de non entrar a que parte do seu patrimonio, cifrado en miles de vivendas, acabe sendo titularizado polos concellos” afirma Rubén Pérez.

Marea de Vigo chegou a levar unha moción ao Pleno pedíndolle ao Concello de Vigo que negociase coa SAREB para facerse cunha parte sensible destas 155 vivendas a cambio dun convenio urbanístico que lle permitira completar esta peza na rúa Aragón. “Podería terse iniciado o desenvolvemento dun parque público de vivendas para Vigo, mais nin a SAREB nin neste caso o propio Goberno local tiveron interese en levar a cabo ningún tipo de negociación e as vivendas saerán a venta” engade o voceiro.

Marea de Vigo esixe ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia que presionen para non perder a oportunidade de sacar un parque público de vivendas de emerxencia, “tal e como se fixo en moitos concellos que negociaron directamente coa SAREB – engade Pérez -, nos que a cambio de facilidades urbanísticas, o fondo de activos inmobiliarios se compromete a ceder unha parte para uso social do concello”.

O Grupo municipal seguirá demandando que esas vivendas poidan ter unha parte de utilidade pública e social, “e de feito no Parlamento se chegou a debatir o cambio estatutario e accionarial da SAREB para que os concellos, a través de convenios, puideran ter unha pequena parte desas vivendas” matiza o portavoz.

Marea de Vigo sempre defenderá a creación de parques publicos de vivenda de titularidade publica que se nutran ben de vivendas publicas promocionadas polas administracións como por cesións de vivendas de entidades bancarias e da propia SAREB. “Vigo é sen dúbida un mal exemplo de cidade no que respecta á vivenda de promoción pública e titularidade pública, e síntoma disto é que de xeito constante vemos como as vivendas de promoción pública acaban sendo parte do mercado especulativo de vivenda privada tralos anos de moratoria esixidos” lamenta Rubén Pérez.