marea de vigo pide que se avalíe no novo pxom a posibilidade de encaixar o proxecto de cidade deportiva do real club celta.

9 de Outubro de 2018

Marea de Vigo pide que se avalíe no novo PXOM a posibilidade de encaixar o proxecto de cidade deportiva do Real Club Celta.

Rubén Pérez: “O Real Club Celta e o Concello teñen que funcionar en absoluta colaboración para que haxa cidade deportiva en Vigo e para que poidamos recuperar o investimento feito no estadio a través dun canon xusto”.

Vigo, 9-10-2018. No día de hoxe, Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome ofreceron unha rolda de prensa na que valoraron a situación actual do proxecto de cidade deportiva do R.C. Celta, tras o rexeitamento do proxecto por parte da asemblea da Comunidade de Montes de Tameiga o pasado domingo.

“Aplaudimos a decisión dos comuneiros de Tameiga rexeitando ceder o seu monte para a construción dun proxecto que tiña asociado un centro comercial” explicou o concelleiro Xosé Lois Jácome, matizando que “estamos totalmente de acordo con eles ao rexeitar a construción dun centro comercial no seu monte, polos mesmos motivos polos que rexeitamos no seu día o o proxecto de Porto Cabral, de similares características e co mesmo impacto negativo sobre o comercio local de Vigo e a súa contorna. A única opción que queda é a expropiación, mais consideramos que non existe ningún interese público para desenvolver un proxecto como un centro comercial, interese que se precisa para xustificar tal expropiación, polo que entendemos que este proxecto morre aquí”.

Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, incidiu na necesidade de “volver a un punto de inicio tras a tensión amosada entre o Concello e o RC Celta nos últimos meses. Agora é o mellor momento xa que comeza a redacción dun novo PXOM”. O voceiro insistiu en que “o proxecto debe redefinirse, e pode ter cabida no novo Plan Urbanístico buscando alternativas que recollan a posibilidade do desenvolvemento da cidade deportiva en lugar dos ‘pelotazos’ que tiñamos no anulado Plan do 2008”. “Queremos que o proxecto de cidade deportiva do Celta volva a Vigo, mais sen a superficie comercial asociada e coa garantía de ter unha localización definitiva no futuro PXOM” conclúe Rubén Perez.