marea de vigo pide que se dote dos medios necesarios para executar as limpezas de fincas de xeito subsidiario de non facelo as/os donos segundo a lexislación vixente.

21 de Febreiro de 2022

Marea de Vigo pide que se dote dos medios necesarios para executar as limpezas de fincas de xeito subsidiario de non facelo as/os donos segundo a lexislación vixente.

Rubén Pérez: “Nesta altura do ano e ante as condicións metereolóxicas actuais, é preciso adoptar as medidas necesarias en materia de prevención de incendios”

Vigo, 21-02-2022. Para Marea de Vigo, corremos o risco de “ir tarde outro ano máis” á hora de tomar as medidas preventivas necesarias para evitar os incendios forestais, xa que, “ademais das fincas urbanas, existen moitas fincas forestais de particulares incluídas na faixa secundaria de protección de monte que poden estar en risco de non estar limpas a tempo” afirma Rubén Pérez, para o que pide “premura” ao Goberno local á hora de habilitar os mecanismos correspondentes.
Ante isto, Marea de Vigo considera prioritario “cumprir e facer cumprir” a Ordenanza Municipal de Limpieza Pública y Tratamiento de Residuos Sólidos Urbanos así como a Lei de Ordenación Urbanística protección do Medio Rural de Galicia, nas que se especifican as pautas a seguir no caso de falta de limpeza das fincas.

Segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, “deixando sen executar máis de 100 millóns de euros ao ano dos orzamentos, non pode ser que non se teña unha partida específica para levar a cabo as limpezas das fincas de xeito subsidiario por parte do Concello, con independencia da sanción correspondente á persoa dona da devandita finca así como a reclamación do pago do custo dos traballos á mesma”.