marea de vigo pide que unha parte importante dos 100 millóns de euros que imputa aqualia nas facturas á veciñanza sexa asumido polo concello.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo pide que unha parte importante dos 100 millóns de euros que imputa Aqualia nas facturas á veciñanza sexa asumido polo Concello.
Rubén Pérez: “O Concello debe asumir isto como un investimento público para que haxa unha redución importante na factura que pagan todos os vigueses e viguesas, facendo deste xeito efectivas as políticas de aforro, e facendo real a existencia da relación entre o consumo e o que se paga, premiando o aforro e a responsabilidade”.
Vigo, 09-08-2022. A situación hídrica dos encoros que abastecen a nosa cidade, ao igual que a maioría no conxunto do estado comeza a ser preocupante. “Aos excesivos consumos e ás inexistentes políticas de aforro nas grandes cidades, súmase unha situación de crise climática xunto ao estado das infraestruturas, con redes anticuadas con importantes eivas” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. “Estase xerando un serio problema de abastecemento que vai máis aló dos meses de verán, tal e como reflicten as proxeccións que se están facendo nas diferentes unidades administrativas das concas” engade.
Dende Marea de Vigo “levamos meses sostendo a necesidade de que Vigo se adaptase a unha nova realidade” suliña o voceiro. A pesar de que na nova ordenanza se modifican os trinta metros cúbicos de consumo bimensual de obrigado pago adaptándose as tarifas á normativa autonómica que obriga a tarificar o consumo real, “lamentablemente, para seguir pagándolle o mesmo á concesionaria privada, esta imputa os 100 millóns de investimento para o arranxo da potabilizadora entre outros nas facturas da veciñanza” critica o portavoz. Marea de Vigo pídelle ao Concello que que asuma unha parte deses 100 millóns “para que non se estea pagando o mesmo nas facturas cando, segundo a nova ordenanza, nesta debería reflectirse o consumo real” matiza Pérez.
O Grupo municipal insta polo tanto ao Goberno de Abel Caballero a que “faga unha segunda modificación sobre a ordenanza e que na mesma se cambien substancialmente os criterios sobre os investimentos que se imputan na factura” explica Rubén Pérez, incidindo en que dos 100 millóns, “o Concello debe asumir unha gran parte como un investimento directo, ao igual que se fai coas humanizacións, ascensores ou túneles”.
Todo isto, segundo a Marea de Vigo, tórnase máis grave “tendo en conta que o Goberno de Abel Caballero deixou o pasado ano máis de 100 millóns de euros do orzamento sen executar, 100 millóns que poderían ter sido adicados perfectamente a cubrir esta parte da factura da agua” suliña o voceiro.
“Deberían de estar xa traballando nisto para que no mes de setembro estivera xa en funcionamento, acompañando á volta a actividade, o inicio do curso escolar e do curso político, nunha situación especialmente para moitas familias viguesas a causa da inflación” conclúe o portavoz municipal.