marea de vigo pide reforzar os servizos administrativos municipais para evitar colas nos meses de verán.

1 de Agosto de 2022

Marea de Vigo pide reforzar os servizos administrativos municipais para evitar colas nos meses de verán.

Rubén Pérez: “A falla persoal pola inexecución do capítulo 1 dos orzamentos, está a provocar ademais meses de demora nas citas”.

Vigo, 01-08-2022. Trámites como as becas de comedor e de libros, “xestións que se fan normalmente no mes de agosto – afirma o voceiro -, estanse dando con longas colas froito desa falla de persoal”. O mesmo está acontecendo coas citas para o padrón e mesmo para Traballo Social, “alongándose máis do prazo no que administrativamente se pode facer a devandita xestión” engade.

Marea de Vigo volve pedir que se reforcen os servizos municipais de atención ao público co obxectivo de reducir as demoras para as citas, “no caso dos servizos sociais están superando o mes” matiza Pérez. Hoxe mesmo, na Praza do Concello, estanse dando grandes colas para as xestións administrativas, “sumadas estas ás producidas por un sistema improvisado e ridículo para a venta de entradas para os concertos” recalca o voceiro.

Marea de Vigo afirma que a este Goberno local “semella que lle gusta que a xente estea facendo longas colas cando o que ten que facer é reforzar os servizos municipais e o emprego público”. “Dende logo – subliña Rubén Pérez – a veciñanza non ten que pasar horas facendo cola tendo tanto unha administración electrónica como opcións, dentro da contratación pública, para reforzar os servizos de atención”.

Marea de Vigo lembra que o ano pasado quedaron máis de 14 millóns de euros sen executar do capítulo 1, “que permitirían facer bolsas de emprego que reforzarían os servizos e evitarían estas longas colas que se están a vivir, co agravante das altas temperaturas” conclúe o voceiro municipal.