marea de vigo pide reorganización e aclaración sobre o futuro dos museos da cidade.

17 de Novembro de 2017

Marea de Vigo considera que os 500.000 euros consignados nos orzamentos para o 2018 ao financiamento de actividades culturais no auditorio Mar de Vigo deben adicarse a reorganizar e aclarar o futuro dos museos da cidade.

No caso do futuro do MARCO, semella incluso máis incerto atendendo aos delirantes mensaxes do Goberno Local e dalgún dos seus colaboradores en materia cultural.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, sinala que “o convenio subscrito coa UTE do Mar de Vigo, que obrigaba a traspasarlle a outra empresa (neste caso organizadora dos eventos culturais no espazo chamada “Ideas de Éxito”) era absolutamente ilegal e arbitrario e, en fase de liquidación da UTE, sería un acto de clara prevaricación administrativa continuar a transferir medio millón de euros a unha empresa sen un concurso público en libre concorrencia. Isto debe rematar de xeito inmediato, e empregar eses recursos neste 2018 a redeseñar e darlle viabilidade e futuro á rede de museos da cidade”.

Para o seguinte exercicio orzamentario, para o 2019, Marea de Vigo considera que eses importes e outros posibles aumentos deberían ir integramente para garantir o futuro do MARCO como museo exclusivamente de arte contemporáneo e na súa localización actual da Rúa do Príncipe.

Alén disto, para Marea de Vigo, o feito de que o Concello de Vigo acabe asumindo a totalidade do padroado e a maioría da inversión orzamentaria, non pode alterar o proxecto museístico que durante anos, contra todas as dificultades, foron quen de sacar adiante os equipos directores do museo baixo a dirección de Iñaki Martínez, conseguindo referenciar á cidade de Vigo nos máis importantes circuítos de arte contemporánea de Europa. Proxectar polo tanto unha xestión centralizada da rede museística viguesa é un erro absoluto para Marea de Vigo.

Marea de Vigo denuncia tamén a situación do Verbum. “Este espazo, finalizado o tempo expositivo condicionado polo emprego dos fondos Feder, non ten un horizonte claro. A día de hoxe, resulta mesmo inaccesible aos centros escolares de Vigo, aos que se lles indica que non se fan ese tipo de visitas. Isto, xunto aos xa estraños movementos entre os espazos museísticos da cidade que non responden a ningunha planificación pactada co tecido cultural da cidade, nos alertan do que pode estar na axenda do Goberno Municipal con respecto ao futuro dos museos vigueses” aclara Rubén Pérez.