marea de vigo pide responsabilidades políticas pola declaración de ilegalidade das obras do parque de bombeiros de coruxo
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo esixe responsabilidades políticas porque o que acontece no edificio da antiga EDAR de Coruxo e no vial ilegal de Cabo Estai por exemplo “son actuacións ilegais e amparadas polo goberno local”
03/04/2023
Marea de Vigo afirma que a resolución definitiva da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) sobre obras ilegais no edificio da antiga depuradora para o parque de bombeiros amosan a deixadez municipal no cumprimento da legalidade de costas pero sobre todo a actuación con total impunidade para saltar a legalidade en materia de costas
Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo lembra que reiteradamente se denunciaron estas actuacións sen resposta do goberno local: “Existen exemplos de actuacións públicas e privadas dentro da servidume de protección de costas das que non consta a do Ministerio e de Costas. Dende movementos de terra como o de Cabo Estai ata actuacións de obras menores en praias como a da Calzoa das que pese a requerirse información da autorización por parte da Marea de Vigo, existe un silencio sospeitoso por parte do Goberno local”.
Marea de Vigo alertara xa en Comisións Informativas e mesmo no Pleno de que o uso das antigas instalacións da depuradora de Coruxo para un parque de bombeiros temporal ata que se leven adiante as obras do novo en Esturáns e ao acometerse a derruba das gradas de Balaídos onde estaba o servizo era cando menos “unha improvisación que mesmo podía ser ilegal” engade o voceiro. “Primeiro, porque esas instalacións de Coruxo foron escusa para mobilizar recursos do remanente coa xustificación de crear un auditorio municipal e que se finalmente o uso era diferente contraviña a xustificación pública do uso de recursos economícos municipais – detalla Pérez-; pero tamén denunciaba que eran obras de rehabilitación dun edifico que se realizaban na servidume de protección de costas sen que existise constancia de legalidade en materia de costas”.
Finalmente, a APLU vén a confirmar, esta vez xa definitivamente, que eran efectivamente ilegais, ao incoar un procedemento sancionador e de reposición da legalidade contra o Concello de Vigo pola realización de obras neste edificio e entender que foron executadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre sen licenza urbanística, sen autorización do servizo provincial de urbanismo da Xunta de Galicia, en autorización da Dirección xeral do Ministerio para a Transición ecolóxica e mesmo sen autorización do organismo de Augas de Galicia. “Todo isto despois dunha denuncia previa formulada por CIG, CUT e CCOO no Concello de Vigo” engade Rubén Pérez.
Marea de Vigo afirma que a costa que percorre o termo municipal de Vigo “ten que ter un grado de protección evidente, pero especialmente ten que ter un Goberno local que permanentemente vele polo cumprimento da legalidade, que realice unha inspección rigorosa de calquera actuación que se realice na contorna natural e na servidume de costa e que responda á veciñanza e e aos grupos municipais cando requiren información, non empregando como sistema o silencio administrativo que non fai máis que acrecentar as sospeitas de que se convive coa ilegalidade, co incumprimento da legalidade en materia de protección de costas e que os intereses especulativos e privados se aúpan como intereses públicos xerais” sinala o voceiro municipal.