marea de vigo pide transparencia e responsabilidade sobre o percorrido dos anuncios de investimentos que se fan constantemente nos medios de comunicación por parte do alcalde.

13 de Xuño de 2022

Marea de Vigo pide transparencia e responsabilidade sobre o percorrido dos anuncios de investimentos que se fan constantemente nos medios de comunicación por parte do alcalde.

Rubén Pérez: “En Vigo hai un grave problema de execución das licitacións públicas, pero iso agóchase con cantidades inxentes de propaganda vendendo un modelo de cidade que nada ten que ver co que se está gastando desde o Concello”.

Marea de Vigo volverá demandar no vindeiro Pleno a constitución da Comisión de Seguimento da Contratación Pública así como que no portal de transparencia do Concello de Vigo a veciñanza poida informarse sobre o estado de licitación de todos os proxectos así como das promesas que fai o alcalde “a bombo e prato” a través de grandes infografías nos medios de comunicación.

Vigo, 13-06-2022. Nos últimos meses Marea de Vigo denunciou, de xeito reiterado, a situación de falla de execución orzamentaria. “A inicios de maio apenas se levaba executado o 10% do total do orzamento, nun ano no que, ademais do orzamento habitual do municipio, súmanse fondos europeos, fondos extraordinarios, así como a posibilidade de utilización do superávit e o remanente” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Fronte ao que debe ser unha política “responsable” dun Goberno local, “é dicir, anunciar, licitar e executar – sinala o voceiro -; o Goberno de Abel Caballero só fai a primeira parte, e sistematicamente cada fin de semana vemos unha nova ocorrencia nalgún medio de comunicación”, en alusión a exemplos como o publicado onte sobre converter o edificio do Concello nun centro de ocio cunha terraza panorámica, “e todo isto falando dun edificio con problemas estruturais e sobre o que o persoal leva anos demandando solucións” engade Pérez.

Marea de Vigo sinala que son moitos os exemplos e os veciños e veciñas que están denunciando o anuncio de obras que logo parece que non chegan aos procesos de licitación, “tal e como ten acontecido coa denuncia da AAVV de Lavadores sobre a rúa Paz Pardo, para a que foron consignados recursos dos remanentes de tesourería do ano 2020, e a día de hoxe aínda non se ten iniciado proceso algún” suliña Rubén Pérez.

Segundo o voceiro municipal, “corremos o risco de que non se execute unha boa parte do orzamento para este ano, e xa non soamente na parte de investimentos senón sobre a totalidade do mesmo, incluíndo o capítulo primeiro, relativo á contratación de persoal”.