marea de vigo pide un estudo do alumeado público tras o aumento de atropelos nalgúns barrios da cidade por falta de luz .

25 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo pide un estudo do alumeado público tras o aumento de atropelos nalgúns barrios da cidade por falta de luz .

Rubén Pérez: “Apostamos polo consumo sostible e responsable e estamos de acordo na necesidade de facer todos os cambios que sexan necesarios nesa liña, mais o aforro que vai significar o cambio a lámpadas ‘led’ non pode supoñer un problema de seguridade, debe contarse con ese factor”.

Vigo, 25-01-2019. O Grupo municipal da Marea de Vigo, a raíz das denuncias feitas por asociacións de veciñas/os a causa do aumento dos atropelos nalgúns barrios da cidade, solicitou nesta semana á concellería de Seguridade e Mobilidade os datos dos atropelos en Vigo, xa que, “hai zonas con iluminación deficiente, que está xerando graves problemas de seguridade” matizou Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. “O Concello debe facer de inmediato un estudo real e rigoroso dos niveis de luz para evitar toda falta de seguridade, tal e como ademais levan tempo pedindo varias asociacións de veciñas/os”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo pide que se revise detalladamente a execución do contrato de mantemento do alumeado público e o cumprimento das inspeccións técnicas obrigatorias sobre as instalacións, as OCAs (Organismo de Control Autorizado), posto que a maioría dos elementos de iluminación na cidade de Vigo non a pasaron. “É un absoluto disparate o que acontece nesta cidade con todo o relativo á iluminación, resultan xa moi preocupantes os criterios que utiliza o alcalde do PSOE para decidir as súas prioridades. A seguridade das persoas está moi por enriba de calquera campaña publicitaria baseada en luces e ornamentación” conclúe Rubén Pérez.