marea de vigo pide un plan municipal para a execución dos recursos en materia de emprego público

6 de Febreiro de 2023

audio da nova:

Marea de Vigo cualifica de preocupantes os datos de temporalidade no sector público (escalan a un 29% segundo a Seguridade Social no Conxunto das administracións públicas) e a execución Orzamentaria no caso de Vigo, con máis de 11 millóns de euros sen executar no 2021 e 2022.

06/02/2023

Marea de Vigo considera que existe un serio descontrol en materia de emprego público e especialmente na capacidade de xestión das OPES e nas bolsas de contratación que se empregan para cubrir eventuais baixas, IT ou vacacións, algo especialmente grave no persoal oficial de mantemento que abre e pecha os centros educativos da cidade de Vigo. Esta situación non é derivada dun problema de falla de recursos cando existen case 53 millóns de euros sen executar no capítulo 1 dende 2016 como recentemente denunciou a CIG no Concello de Vigo.

Marea de Vigo considera “notable e manifesta” a preocupación de concelleiros de área, das organizacións sindicais do Concello e dos propios traballadores públicos no bloque na xestión de persoal que impide sacar en tempo e forma ofertas públicas de emprego, bolsas e mecanismos para cubrir os postos de traballo existentes e evitar dende que non exista persoal nos CEIP antes referidos ou que as Unidades Básicas de Atención Social como as de Teis permanezan algúns días laborables pechadas. “

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo lembra que Vigo é un Concello con suficientes recursos para evitalo pero cun “desastre organizativo no capítulo de persoal” que ten que solventar de urxencia polo que pide un Plan Municipal de seguimento do emprego público que sexa participado por goberno local, organizacións sindicais presentes no Comité de Empresa do Concello e grupos municipais e onde se expoña claramente cales son as situacións que están paralizando os procesos de contratación laboral con cargo ao capítulo 1.

Marea de Vigo considera “xa unha evidencia constatada” o grave problema de xestión laboral do Concello de Vigo, incapaz xa non só de sacar adiante as OPE para as 300 prazas vacantes actuais, senón tamén de xestionar e executar correctamente os máis de 70 millóns de orzamento de persoal que se configuraron para 2022 e os máis de 80 para este 2023.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo pide un respecto ao comité de empresa e a súa función como parte social nos procesos de negociación colectiva xa que existen actitudes por parte do goberno local que rozan o que se considera “prácticas antisindicais” propias da patronal privada máis ultramontana.