marea de vigo pide un proxecto xeral para infraestruturas de transporte.

7 de Febreiro de 2019

Marea de Vigo pide ao Goberno local, Xunta e Goberno central que deixen de improvisar electoralmente sobre as infraestruturas de transporte na nosa cidade.

Rubén Pérez: ”A medida que avanza o período preelectoral, o nivel de ocorrencias sobre transporte, mobilidade e infraestruturas análogas vai en aumento. Agora cun capítulo máis, sobre o previsible uso da antiga rede ferroviaria como infraestrutura de cercanías, un anuncio sen ningún estudo serio e que vén a anunciarse despois dun brutal desmantelamento ferroviario en prol dun AVE inexistente”.

Vigo, 07-02-2019. Marea de Vigo considera un auténtico insulto que tres administracións sigan ducias de anos despois empregando o transporte ferroviario, os accesos á cidade, as necesidades loxísticas e mesmo as alternativas sostibles de transporte e mobilidade “coma un sempiterno ring electoral onde golpearse e tentar gañar puntos”. “Vigo é un auténtico páramo en infraestruturas ferroviarias modernas, carece de transporte metropolitano integrado e conta cunha mobilidade en tempos e frecuencias de transporte urbano que resultan ridículas para unha urbe de máis de 290.000 habitantes” matiza o voceiro municipal.

Marea de Vigo reafírmase na necesidade dunha formulación que ligue un sistema de cercanías metropolitano, xa que o transporte metropolitano tamén pode ter percorrido ferroviario no interno da área e non exclusivamente transporte particular ou colectivo en autobús, como defendeu mesmo cando se deu o debate no seo da agora perecida Área Metropolitana. “Se non existe un proxecto xeral de infraestruturas, un ambicioso plan de mobilidade participado polas tres Administracións, volveremos a deixar nos caixóns dende proxectos coma o metro lixeiro, que durme no soño dos xustos dende que se puxo a exposición pública pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en 2011, ou o Plan de aparcadoiros disuasorios na contorna do casco urbano, con igual destino na Consellería” salienta Rubén Pérez.

O anuncio de electrificación e mellora da rede abandonada do ADIF, é para Marea de Vigo un novo ‘brinde ao sol’ e non artella un estudo de mobilidade real e das necesidades en materia de mobilidade que precisa Vigo e o conxunto dos concellos da área, ademais de que semella esquecer mencionar o necesario investimento en transporte ferroviario de mercadorías.