marea de vigo pide unha actuación preventiva do concello ante a chegada das vtc á cidade de vigo.

24 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo pide unha actuación preventiva do concello ante a chegada das VTC á cidade de Vigo.

O Grupo municipal da Marea de Vigo mantivo hoxe xuntanza coa asociación ELITE TAXI de Vigo para abordar a necesidade de artellar medidas para adiantarse á chegadas das VTC, especialmente ante eventos como Conxemar, O Marisquiño ou o Nadal, escenarios moi atraentes para este tipo de empresas.

Vigo, 24-01-2019. No vindeiro Pleno, que terá lugar o vindeiro mércores, Marea de Vigo solicitará ao Goberno municipal a inclusión da asociación Élite Taxi como membro de pleno dereito no Consello Sectorial de Transporte do Concello de Vigo, en base ao propio Regulamento de Participación Cidadá do Concello, que indica que para a configuración dos Consellos sectoriais e territoriais se terán en conta as asociacións e organización representantivas de cada ámbito que trate o Consello de referencia. A día de hoxe, Elite Taxi conta con máis de 125 taxistas asociadas/os, está legalmente rexistrada e ten unha representatividade suficiente como para que forme parte do devandito Consello.

Na xuntanza, o Grupo municipal da Marea de Vigo e o representante de Elite Taxi abordaron exemplos de actuacións orientadas a evitar a suplantación ilegal do transporte público regulado que xa abordan cidades como Sevilla, onde ademais funciona un interesante modelo de Mesa Sectorial do Taxi.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou como necesario, e así deu traslado no seu día ao Goberno local a través das emendas á Ordenanza do Taxi, “a necesidade de que o Concello realice cada tres anos un estudo técnico especializado que delimite a situación real do sector do taxi en canto a oferta e demanda de servizos. De detectar o estudo a necesidade de realizar unha redución do número de licenzas para garantir a rendibilidade e explotación do servizo, teríase que establecer un mecanismo de rescate de licenzas para a súa amortización mediante convocatorias públicas, para que os titulares das mesmas puidesen solicitalo.

“Este Plan de Rescate – engadiu Rubén Pérez – terá necesariamente que contar cun Convenio Marco de colaboración entre o Concello e as entidades representativas do sector do taxi, que deberá ter en conta tanto o número de licenzas a rescatar e período de tempo para realizalo, así como o compromiso de dotación orzamentaria suficiente”.