marea de vigo pide unha campaña ampla de prevención das violencias machistas durante o marisquiño.

8 de Agosto de 2018

Marea de Vigo pide unha campaña ampla de prevención das violencias machistas durante o Marisquiño.

Marga L. Barreiro: “A concentración de miles de mozos e mozas nun evento destas características ten que ter artellado por parte do Concello de Vigo unha campaña forte de sensibilización, prevención e detección de casos de acoso e violencia sexual”.

Vigo, 08-08-2018. Marea de Vigo considera que o Concello non pode permanecer “inoperativo” nun evento no que aporta gran parte dos recursos económicos e materiais e polo tanto, entre outro tipo de medidas, debería ter artellado unha ampla campaña de sensibilización e prevención da violencia sexual así como contra o acoso ás mulleres e aos colectivos LGTBi+ .

Este operativo tería que pasar por visualizar lemas concretos contra a violencia sexual en todas as instalacións do Marisquiño mediante soportes visuais específicos, ademais do reparto de folletos de sensibilización con instrucións claras de que facer se unha persoa detecta un caso de violencia ou acoso sexual, xunto aos teléfonos a onde acudir e como identificarse para ser posible testemuña nunha detención e xuízo posterior por un caso destas características. Do mesmo xeito debería acompañarse dun operativo especial da Policia Local para a prevención e loita contra este tipo de agresión, un operativo feminizado, e con presenza permanente de persoal do servizos sociais do Concello en permanente contacto cos servizos sanitarios da cidade.

“Campañas concretas como a levado a cabo nas festas de Cambados coa instalación do punto morado, onde un grupo de mulleres identificadas cun brazalete visitaban diferentes zonas da festa para axudar ás mulleres que puideran sufrir unha situación de acoso son precisamente o tipo de accións ‘proactivas’ que consideramos poderían levarse a cabo en eventos como o Marisquiño ou en festas con gran afluencia. A reacción que mesmamente viviron as mulleres voluntarias en Cambados cando grupos de homes as insultaron e increparon, non veñen máis que amosar a necesidade desta clase de accións e campañas” expresa Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo, tal e como xa ten expresado recentemente, quere incidir na necesidade de educación, prevención e información en materia de violencia machista e agresións sexuais. “É evidente a necesidade de asumir as políticas de igualdade dun xeito transversal e normalizado desde o Concello. Outro ano máis, o Concello chega tarde para a realización dunha campaña integral con actuación previas ao evento, tal e como vén de facerse noutras cidades, con talleres previos nos que participan ducias de voluntarias e voluntarios a prol da erradicación as agresións sexistas, mais, en todo caso, de existir vontade, si que é posible artellar un mínimo traballo na rúa e na sensibilización social neste Marisquiño antes de lamentar agresións que se puideran ter evitado” conclúe Marga L. Barreiro.