marea de vigo pide unha nova localización para o arquivo municipal.

7 de Febreiro de 2018

MAREA DE VIGO PROPÓN TRASLADAR O ARQUIVO MUNICIPAL AO EDIFICIO QUE NO SEU DÍA FOI PROXECTADO COMO MUSEO DA FOTOGRAFÍA.


Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo: “O traslado ao edificio da rúa Eduardo Chao redundaría en habilitar un espazo museístico para as auténticas xoias documentais que existen agora amontoadas nos sotos do Concello e mesmo iniciar un proceso ambicioso de dixitalización”.

Vigo 7-2-2018. Despois de moitos anos pechado e sen visos de artellarse un uso como contedor museístico, Marea de Vigo considera que o espazo na rúa Eduardo Chao pode resultar o idóneo para trasladar o que a día de hoxe está nun constante deterioro xunto a un aparcadoiro na planta -2 do edificio do Concello, onde miles de documentos se atopan en risco de desaparecer ao non existir iniciativas públicas máis aló da boa vontade e o traballo do persoal público adscrito ao servizo. Documentos dos antigos concellos de Bouzas e Lavadores, actas de plenos dende o século XVIII, mesmo planos de altísimo valor como os orixinais feitos polo arquitecto Antonio Palacios para o seu plan de rexeneración urbanística de Vigo, conviven coa borralla dos motores dos vehículos e o deterioro por humidade.

Para Marea de Vigo, un edificio municipal en situación de abandono como é o actual da rúa Chao, froito desa cultura “delirante” que viviu a cidade cando se crearon multitude de contedores museísticos (neste caso a inversión foi de máis dun millón de euros) sen garantir fondos nin recursos técnicos e culturais, sería un espazo axeitado para levar tanto ao persoal actual, como ao conxunto da documentación máis antiga e de maior valor histórico.

Xosé Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo, engade que “esta localización permitiría dotar dun espazo adecuado para a consulta de investigadoras e público en xeral, de elementos de conservación do fondo documental normalizados, ou espazos de consulta apropiados. Isto e a necesaria adaptación ás novas tecnoloxías (dixitalización documental e creación de páxina web) resultarían unha fonte de coñecemento sobre a historia de Vigo para á veciñanza, xunto as vantaxes que, a efectos prácticos teñen para o traballo cotiá do persoal do arquivo municipal, permitindo mesmo desligalo das tarefas relacionadas coa documentación da Xerencia de Urbanismo”

Marea de Vigo lembra que hai unha praza na OPE para técnico de arquivo que ten que ser cuberta, este feito axudaría tamén ao cambio necesario para a posta en valor e a conversión dos fondos do arquivo municipal de Vigo nun referente cultural.