marea de vigo pide usar prioritariamente os recursos para a reforma do concello na mellora das condicións laborais dos empregados e empregadas públicas
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo considera que converter espazos públicos onde desempeñan actividade laboral centos de persoas en “terrazas e usos hoteleiros para tomar un café ou unha “cañita” como anunciou o alcalde é un insulto aos centos de traballadores públicos que levan anos denunciando as carencias en materia de seguridade e saúde laboral sen obter respostas por parte do goberno local
10/04/2023
O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, pide que os recursos para a reforma do edificio do Concello de Vigo sexan empregados de xeito racional e pensando nos centos de traballadores e traballadoras públicas que diariamente pasan as súas horas de xornada laboral no mesmo. Rubén Pérez lembra que “o comité de empresa do Concello leva anos requirindo investimentos en zonas sensibles do edificio, que seguimos sen ter actualizado o plan de emerxencia do mesmo co seu simulacro obrigatorio, existen pingueiras e filtracións en diversas zonas do edificio e o arquivo municipal, con documentación dun alto valor histórico malvive na planta adicada a garaxe de persoal municipal.”
Marea de Vigo pide priorizar o investimento en accesibilidade cidadá, en que os ascensores non estean de xeito habitual parados por avarias e que non existan graves incumprimentos en materia de prevención da saúde laboral por ter instalacións inadecuadas ou mesmo en mermar a democracia argumentando a falla de espazo para mermar o dereito de todos os grupos municipais a ter un espazo axeitado no edificio onde poder atender aos veciños e veciñas da cidade.
Se finalmente se rexeita un novo edificio administrativo para o Concello, e o plan Moneo e outras ideas, o lóxico é traballar por descentralizar servizos, evitando as colas cidadás no edificio principal do concello como ocorre en case todas as grandes cidades do Estado. Por iso a optimización de espazos ten que ser acorde a realidade de que ademais de edificio consistorial, é onde centos de persoas realizan as súas funcións laborais diarias e lugares como os que ocupa a Policía Local quedan cada vez máis pequenos e obsoletos para o desempeño de funcións.
“Unha vez que se resolva esta cuestión, que teñamos un edificio amable laboralmente e eficiente dende o punto de vista enerxético, é cando se ten que avanzar noutros usos compatibles co lecer, co turismo ou coa restauración” porque parece que nesta cidade de festa permanente os dereitos democráticos ou laborais máis básicos son sempre secundarios para empregar máis de 3 millóns de euros de fondos europeos habilitados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana”, sinala Rubén Pérez.