marea de vigo pide vontade política ao goberno local para volver poñer a vigo no mapa da cultura.

14 de Febreiro de 2022

Marea de Vigo pide vontade política ao Goberno local para volver poñer a Vigo no mapa da cultura.

Oriana Méndez: “Cremos que é urxente que o Goberno local deixe de ver no diálogo co sector cultural unha ameaza e que comece a aplicar a escoita activa para pular polo potencial que atesoura a nosa cidade en materia de cultura”.

Vigo, 14-02-2022. Recentemente a Fundacion Contemporanea, unha das principais en materia cultural, presentou o seu informe Observatorio da Cultura, informe “que avalia e recoñece os mellores proxectos culturais presentados durante o pasado ano 2021 no que, un ano máis, no caso de Galicia, Vigo volve quedar fóra dunha selección de dezaseis propostas” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. Máis de cen expertos/as en materia cultural (do ámbito da musica, teatro, cine, xornalismo, etc.) elaboraron este informe “no que a nosa cidade apareceu por última vez no pasado ano 2017, cando O museo MARCO ocupou a sétima posición na listaxe galega” matiza.

Marea de Vigo considera que “existen proxectos culturais en Vigo que se levan adiante con esforzo e as súas iniciativas enchen de vida a nosa cidade” apunta Oriana Méndez. Mais tamén considera que o feito de que os proxectos que se levan a cabo na Coruña ou en Santiago si teñan recoñecemento mentres os de Vigo quedan fóra, “ten que ver co tratamento que dende o Concello se da as políticas culturais” engade.

Oriana Méndez incide en que non é casual que os proxectos culturais vigueses queden fóra dende o ano 2017, “de feito, a escasa relevancia que están tendo no resto do país, máis alá das luces e o photocall é evidente” apunta. Marea de Vigo afirma que é fundamental que o Goberno local afonde no diálogo co sector, que reciba esas propostas, que dispoña de concursos públicos de libre concorrencia, “mais que atenda tamén ás liñas históricas de creación artística na nosa cidade, que foi por exemplo unha das portas de entrada ao jazz e a outras propostas musicais anovadoras que hoxe se encontran sen apoio institucional” lembra a concelleira.

Igualmente, Marea de Vigo pon como exemplo o Concello de Mieres, “unha pequena cidade mineira de Asturias, que foi recoñecida pola súa aposta pola cultura popular, inclusiva e de calidade para dinamizar un concello severamente castigado polo desmantelamento industrial – incide Méndez -. Se puido Mieres, nós cremos que tamén debería poder Vigo, motor de Galicia e porta do Atlántico”.