marea de vigo pídelle a abel caballero que reciba ao persoal da xer e lles explique como e cando vai cumprir o compromiso que adquiriu no pleno.

11 de Setembro de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo pídelle ao alcalde do PSOE que reciba ao cadro de persoal da XER (xestión de estacionamento regulado) e lles explique como e cando vai cumprir o compromiso que adquiriu no Pleno.

Rubén Pérez: “Queremos saber os motivos polos que se adxudicou un contrato público a unha empresa que ofertaba cun 30% de rebaixa. Non imos parar con esta empresa, Dornier-Empark, ata botala fóra”.

Vigo, 11-09-2018. Na rolda de prensa ofrecida no día de hoxe, Marea de Vigo incidiu na responsabilidade última e máxima do alcalde de Vigo na situación do cadro de persoal de Dornier, en folga tras os 8 despedimentos da concesionaria. “Abel Caballero, como alcalde, como o presidente da Xunta de Goberno Local e como asinante da mesma que decidiu adxudicar o contrato deste servizo a Dornier, ten que recibir ao conxunto das traballadoras e traballadores desa concesionaria. Agora, debería explicarlles a cada un deles e delas como vai materializar ese apoio que daba no Pleno do Concello cando dicía que mentres el fora alcalde non habería despedimentos” matizaba Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

Para a Marea de Vigo, “as causas para botar a esta empresa fóra da concesión están claras, e non existe motivo algún para acudir a ningún organismo xurídico posto que a propia documentación coa que as empresas participaron na licitación reflicte perfectamente as condicións do contrato”, condicións, segundo a Marea de Vigo, que “se están incumprindo dende o inicio da vixencia do contrato. O prego do contrato que asinou esta empresa contén un listado do persoal a subrogar, polo que, de modo inmediato, estes despedimentos significaron xa a anulación do contrato, non fai falla ir máis lonxe” engadía Rubén Pérez.

Marea de Vigo cuestiónase os motivos polos que este contrato foi adxudicado deste xeito, e alerta que vai ir tras esta empresa en todos os contratos que ten asinados neste Concello (XER e o aparcadoiro da Praza de Portugal) xa que non debería figurar en ningún deles.“O máis grave e que, sabendo tanto o goberno local como a empresa o custe dos salarios da Xestión do Estacionamento Regulado, Dornier decidira ofertar cun 30% de rebaixa, e o goberno decidira adxudicarlles o contrato” concluía Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.