marea de vigo pídelle ao alcalde que reciba ao comité de empresa de vitrasa e deixe de mirar para outro lado ante a folga do persoal da concesionaria.

20 de Decembro de 2021

Marea de Vigo pídelle ao alcalde que reciba ao Comité de Empresa de VITRASA e deixe de mirar para outro lado ante a folga do persoal da concesionaria.

Rubén Pérez: “Non se pode desentender ante un conflito laboral cunha concesionaria á que se lle ampliaron cinco anos de concesión se lle dan recursos económicos exercicio tras exercicio”.

Marea de Vigo reitera o seu apoio ao persoal de VITRASA en folga e as súas demandas.

Vigo, 20-12-2021. Marea de Vigo lémbralle a Abel Caballero que o Comite de empresa de VITRASA lle ten solicitado en reiteradas ocasións unha xuntanza para abordar o conflito laboral actual, e cualifica a actitude do alcalde, ao non querer recibilos, de “deixadez das funcions dun alcalde desentendéndose dun servizo municipal esencial cunha folga enriba”. Para Marea de Vigo, “non todo é sacarse fotos de Nadal coa xente senón que tamén hai que xestionar os servizos públicos municipais” sinala Rubén Pérez.

Marea de Vigo corresponsabiliza ao Goberno local no conflito laboral de VITRASA, xa que, segundo afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, “os incumprimentos denunciados polo comité que motivan a folga constan nos pregos baixo os que o Grupo Avanza está vinculada ao contrato de transporte urbano e polo tanto, é responsabilidade da entidade municipal, como ente contratante, o velar polo cumprimento do contido nestes pregos”.

A realidade sobre a concesión de transporte urbano é, segundo a Marea de Vigo, “unha falla de compromiso do Goberno de Abel Caballero cun transporte municipal público e digno tanto para o persoal da concesionaria como para a cidadanía e unha empresa que non deixa de usar ao seu persoal como moeda de cambio para conseguir máis recursos públicos e sobre a que non recae absolutamente ningún control nin seguimento, feito que cabería esperar dunha institución pública coma o Concello de Vigo” conclúe o voceiro local.