marea de vigo pídelle ao goberno local que reclame todos os viais da illa de toralla como públicos.

21 de Febreiro de 2018

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal que deixe de “marear a perdiz” con Toralla e reclame xa todos os viais da illa como públicos como di a a lei de costas e a de solo.

Rubén Pérez : “O Concello tería o apoio da veciñanza e por suposto do grupo municipal da Marea de Vigo para devolver os viais públicos a Vigo como lexitimamente obriga a lexislación”

Vigo, 21-02-2018. Marea de Vigo cualifica como incrible que se resucite a polémica de Toralla sen que o Concello teña feito nada nestes anos para impedir o sistemático incumprimento da lei de costas que esixe non 3 senón 5 metros de paso público no perímetro de costa pero tamén o carácter público de calquera vial interior da illa.

Para o grupo municipal, o que se fixo nos anos 60 con esta illa e a inacción posterior nos plans parciais e nos PXOM seguintes amosan un “pelotazo” amparado por sucesivos gobernos locais que deberían ter sido investigados xudicialmente no seu día.

“Que o que acontece en Toralla é a plasmación dunha ilegalidade manifesta xa o deixa claro a sentencia do Tribunal Supremo no ano 1978 que impediu mesmo a contrución dun segundo edificio que acompañaría o actual sen que existira ningún proxecto urbanístico que afectase á illa. Posteriormente o plan parcial deixou claro que non se podía construír ningún edificio na illa superior a tres alturas e que as zonas verdes e os viais que sinalaba o propio plan parcial tiñan que cederse e polo tanto eran públicos.” explica Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, é necesario que se leven a cabo xa actuacións xudiciais así como mobilizacións cidadás para que o Concello reclame o que é seu e acabe cunha inxustiza e deixación de funcións histórica so matizada pola loable actuación do concelleiro Antonio Nieto “Leri”.