marea de vigo pídelle ao goberno local un posicionamento claro en defensa dos sectores industriais da cidade.

10 de Maio de 2021

Marea de Vigo pídelle ao Goberno local un posicionamento claro en defensa dos sectores industriais da cidade.

Rubén Pérez: “Demandámoslle ao alcalde que defenda os intereses dunha cidade que sempre tivo unha pulsión industrial evidente antes de buscar cantos de serea en novas atribucións industriais que en moitas ocasións non son máis que un bluf”.

Vigo, 10-05-2021. Ante a xuntanza que vai ter hoxe o alcalde de Vigo co secretario xeral do Ministerio de Industria, Marea de Vigo quere lembrarlle a este que “o primeiro que hai que defender en Vigo é o mantemento da actividade industrial que historicamente se ten consolidado na cidade – sinala Rubén Pérez, voceiro do grupo-. Nomeadamente o sector naval e dos grandes asteleiros como Barreras e Vulcano, hoxe San Enrique”.

“Antes de falar de futuribles plantas de baterías de hidróxeno e de poñer enriba da mesa cuestións sobre industria 4.0 asi como outras lecturas futuribles que poden quedar en fume, o que ten que facer o alcalde é dar un paso ao fronte na defensa destes sectores industriais que agora mesmo xa teñen instalacións e actividade ou posibilidade de tela” apunta o voceiro. “Historicamente, cando o resto dos sectores decaen, o sector naval actua como colchón, aportando en forma de salarios ao produto interior bruto da cidade” engade.

Marea de Vigo tamén denuncia que non exista unha política de ordenación do solo industrial na cidade de Vigo. “O concello debería estar preparando xa unha proposta de resposta ao documento da Xunta no que se propón reordenar areas industriais como a retirada do fallido poligono da Pasaxe e debería estar traballando no futuro PXOM na ordenación de áreas industriais ociosas da cidade, tal e como ademais reflicte o propio documento de borrador entregado pola Xerencia de Urbanismo – suliña o voceiro -. Os terreos de Álvarez, ou na contorna de Beiramar son exemplos, e dende logo a solución non debe pasar por reconvertilos en espazos para vivenda residencial ou para usos dotacionais se poden ter un uso industrial acorde cos novos tempos”.

Marea de Vigo pídelle ao alcalde que “mais ala de facer anuncios que se trasladan a infografías e morren ai, debe defender a industria existente, tendo en conta ademais o momento de gran precarización nunha industria determinante da cidade como é a automoción” conclúe o voceiro.