marea de vigo pídelle ao goberno municipal que asuma a decisión da comunidade educativa do actual “virxe do rocío” e leve ao pleno o cambio de nome.

12 de Setembro de 2017

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal que asuma a decisión da comunidade educativa do actual colexio “Virxe do Rocío” e leve ao Pleno o cambio de nome.

Dada a diferencia de posturas dentro da Corporación Municipal, o debate non chegou a pasar ao Pleno no pasado mes de maio, quedando á espera da decisión da Comunidade Educativa do propio centro, decisión tomada xa a finais do pasado curso.
“Concordamos coa decisión tomada pola comunidade educativa en canto ao cambio do nome do colexio, asumindo  toponimia tradicional co nome de ‘O Resío’.” Afirma Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Cando, no pasado mes de maio, o Goberno Municipal levou a proposta de cambio do nome do colexio á Comisión Informativa de Educación, xurdiron diferencias entre a propia Corporación Municipal, posto que a proposta abarcaba soamente o cambio de “Virxe do Rocío” por “Rocío”, abríndose o debate sobre a denominación do centro educativo, ao introducir a posibilidade de recuperar a toponimia tradicional da zona, que poñería como nome do colexio “O Resío”.

Dada esta diferencia de posturas, o debate non chegou a pasar ao Pleno, quedando aprazado á espera da decisión da Comunidade Educativa do propio centro.

Co obxecto de achegar información á comunidade educativa do colexio cara á hora de decidir sobre o nome do centro, o Grupo Municipal da Marea de Vigo encargou un informe ao Profesor Gonzalo Navaza (Profesor titular de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Vigo e Membro da Comisión de Toponimia e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega), informe que lle foi remitido á dirección do centro educativo.

“A Marea de Vigo sempre defendeu a conservación do noso patrimonio cultural, neste caso o patrimonio inmaterial contido na toponimia, tal e como sempre nos expresamos cando xorden cuestións que afectan a cambios de nomes de rúas, lugares, etc. Isto non obedece a ningún capricho político, senón a todo o que significa a defensa do noso patrimonio” explica Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

A comunidade educativa decidiu nese momento, antes de rematar o pasado curso académico, o cambio polo toponímico tradicional “O Resío”, mais, xa comezado o curso 2017-2018, o Concello non deu ningún paso para facelo real.

A este respecto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo rogoulle ao Goberno Municipal no pasado pleno de xullo, que metera esta cuestión no Pleno seguinte, ao coincidir ademais a principios de setembro, data de comezo do curso académico, sendo este un bo momento para iso a todos os efectos. Este feito non aconteceu, polo que, a Marea de Vigo espera se materialice no vindeiro Pleno do mes de setembro, cara a levar os trámites necesarios para o cambio de nome e cumprir así coa decisión tomada pola comunidade educativa.