marea de vigo pregúntalle ao alcalde de vigo se segue considerando urxente dotar de máis recursos a povisa toda vez que o consello de contas emite reparos sobre os concertos económicos entre a empresa privada e a xunta.

29 de Xullo de 2019

Marea de Vigo pregúntalle ao alcalde de Vigo se segue considerando urxente dotar de máis recursos a POVISA toda vez que o consello de contas emite reparos sobre os concertos económicos entre a empresa privada e a Xunta.

Marea de Vigo-Son En Común afirma que é “urxente” levar a cabo unha auditoría parlamentaria mediante comisión de investigación dos recursos económicos deitados polas administracións públicas no grupo A Nosa Terra e segue a considerar perigoso a presencia dunha SICAV no grupo que poida estar empregando recursos con orixe no concerto en Povisa e trasladados a outras empresas do grupo. O Grupo municipal lembra que hai persoal de Povisa contratado por empresas do grupo con actividades diferentes aos servizos sanitarios.

Vigo, 29-07-2019. O informe do consello de contas que alerta da “falla de transparencia” do contrato entre Povisa e o SERGAS para a atención sanitaria de máis de 130.000 pacientes da área sanitaria de Vigo vén a sinalar como certas as sucesivas denuncias públicas formuladas por Marea de Vigo-Son en Común. Rubén Pérez, concelleiro desta formación, lembra que “Povisa empregou sen rubor unha política de auténtica chantaxe solicitando entrar en preconcurso de acredores argumentando perdas que se arrastraban dende 2014 pola suposta insuficiencia dos ingresos polo concerto co SERGAS”.

O devandito informe, vén dicir que o contrato cubre a case totalidade dos custes e que o prezo de 540 euros por paciente adolece de falla de rigor no cálculo, dubidando que “fose establecido de acordo a un sistema axeitado para valorar os termos económicos das prestacións”.

Para Marea de Vigo – Son En Común, as declaracións naquela altura do alcalde de Vigo pedindo máis recursos públicos para o contrato son “unha auténtica irresponsabilidade” e lembra que “o propio concerto é absolutamente singular no estado español e totalmente vantaxoso para o centro hospitalario privado ao condicionar, entre outras cousas, o non desenvolver un centro hospitalario no Morrazo ou a apertura das plantas ociosas no Meixoeiro”.

Marea de Vigo incide en que este feito “mesmo serviu para que o grupo aumentara a ameaza sobre as máis de 1500 persoas empregadas e as máis de 130.000 cartillas sanitarias que abarca, como metodoloxía de presión para obter un maior importe no concerto”. Marea de Vigo- Son En Común pide unha auditoría de todas as empresas do grupo Silveira, e segue a denunciar que un hospital que forma parte da rede hospitalaria do SERGAS “non pode ser moeda de cambio nas aventuras empresariais e no engorde de sociedades pensadas para a evasión fiscal como son as SICAV’S, que a familia Silveira posúe. O servizo sanitario dunha area tan importante como a de Vigo non pode estar a expensas dos intereses económicos dun grupo empresarial”.