marea de vigo presenta emenda á totalidade ao proxecto orzamentario do goberno de abel caballero por “non ser coherente” coa situación económica derivada da covid19.

11 de Novembro de 2021

Marea de Vigo presenta emenda á totalidade ao proxecto orzamentario do Goberno de Abel Caballero por “non ser coherente” coa situación económica derivada da COVID19.

Rubén Pérez: “Seguimos vendo que tanto nos investimentos coma no gasto social así como en partidas que teñen que ser para cubrir servizos públicos esenciais se segue facendo unha deixación de funcións do que un goberno progresista deberia de facer”.

Vigo, 11-11-2021. O Grupo municipal da Marea de Vigo vén de rexistrar hoxe a súa “emenda á totalidade” á proposta orzamentaria do Goberno local, “un orzamento de máis de 282 millóns de euros iniciais que coas modificacións de remanentes e superávit vai estar por enriba dos 350 millóns de euros” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

Nun momento no que ademais a cesión de tributos desde o estado aumenta un 11% e o fondo complementario de financiación para as entidades locais aumenta un 13%, “en vez de asumir que estes recursos son para a reconstrución económica e en vez de asumir que son para evitar unha cronificación da pobreza, se pensa que se pode seguir inaugurando e facendo obra ornamental se segue pensando nun orzamento no que a maior parte dos recursos son para pagar a concesionarias privadas a pesar de que o nivel de servizo sexa inferior ao que figura nos pregos” incide Rubén Pérez. Vigo segue estando por debaixo dos 100 euros de gasto social por habitante recomendado polos organismos sociosanitarios, “situándose, neste orzamento, por debaixo dos 65 euros” engade.

Marea de Vigo xustifica deste xeito a súa emenda á totalidade, na que tamén inclúe “as propostas que consideramos terían que estar presentes no proxecto orzamentario, como 7 millóns de euros para axudar ao comercio local, ao sector cultural, ampliar a rede de bibliotecas e de escolas infantís ou completar o catálogo de servizos sociais”, cuestións que, segundo apunta o voceiro local, “deberian estar na axenda dun goberno local progresista e non pensar que desde o ano 2020 non aconteceu nada e seguir pensando en inaugurar o máis cerca posible dos vindeiros comicios electorais”.

Enlace ao documento:

EMENDA A TOTALIDADE ORZAMENTOS CONCELLO DE VIGO ANO 2022