marea de vigo considera socialmente inxustos e insolidarios os orzamentos do concello de vigo para 2023 e presenta unha emenda á totalidade

11 de Novembro de 2022

audio da nova:

Marea de Vigo sigue sen comprender como Vigo sigue estando en 74 euros de gasto social por habitante trala mobilización histórica de recursos económicos polas transferencias do goberno central polo aumento da recadación e o Fondo Complementario de financiación e polos fondos europeos.

Ademais, prodúcese unha diminución considerable nos investimentos consignados no inicio do orzamento: dos 39 millóns iniciais en 2022 aos 27 neste 2023, unha variación negativa de case un 30% da que non se dá ningún tipo de explicación no proxecto orzamentario.

Marea de Vigo considera que o proxecto orzamentario para o ano 2023 que se presenta para ser aprobado en pleno en decembro amosa “unha clara continuidade de configurar un uso dos recursos económicos do concello coma se nesta cidade non acontecese nada distinto aos anos anteriores, coma se a inflación galopante nos prezos dos consumos máis básicos das familias, dos prezos e accesibilidade da vivenda ou mesmo as necesidades de que o Concello se configure como un “auténtico prestador de servizos sociais integrais” non estivesen a ser unha realidade palpable pola cidadanía”.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez alertou de que “a continua política de revestir de publicidade e grandes declaracións as contas do Concello de Vigo faise para agochar a ausencia de proxecto máis aló das obras ornamentais para inaugurar en períodos próximos aos procesos electorais”.

Cuestiona Rubén Pérez: “Como pode ser que sen débeda, con remanentes de tesourería notables, sen execucións de partidas ás veces superiores ao 50%; Vigo estea aínda por debaixo dos 100 euros de gasto social por habitante, as políticas de vivenda de emerxencia sexan case nulas, ou as dotacións publicas como bibliotecas, centros de día ou escolas infantís inexistentes ou escasísimas? Salvo humanizar rúas no centro e o nadal, este goberno non ten un proxecto de cidade a curto e medio prazo”.

Marea de Vigo lembra que Vigo vai ingresar moitos máis recursos grazas á política fiscal progresiva e xusta que acordou o goberno do coalición PSOE-UNIDAS PODEMOS. O aumento na recadación fiscal no conxunto do Estado nun total de 3.100 millóns de euros polas modificacións no Imposto de Patrimonio vai significar que dos 23.000 contribuíntes con máis de 3 millóns de patrimonio comezarán a pagar o imposto ás grandes fortunas nos anos 2023 e 2024.

Isto, xunto co incremento dos tipos que gravan as rendas do capital e que terá unha recadación importante en máis de 17.000 contribuíntes, son parte dun notable ingreso de recursos que teñen traslado neste exercicio orzamentario que pretende aprobar o goberno local para 2023 xa que os aumentos das transferencias correntes están por riba do 11% con respecto ao exercicio 2022. Prodúcese un aumento notable da recadación, non tanto pola vía dos impostos directos ou indirectos, senón dunha maior recadación fiscal no conxunto das administracións públicas e as transferencias que se realizan ao concellos no marco do exercicio das súas competencias.

Marea de Vigo tamén considera que, unha vez máis, este orzamento para o 2023 o goberno local ignora a madurez política da sociedade viguesa e decide que o proxecto orzamentario non só non teña un capítulo participativo previo á elaboración do mesmo, senón que de xeito chamativo ignora moitas das sucesivas reclamacións de diversos colectivos veciñais e sociais de liñas de axudas e proxectos que axuden ao proceso de reconstrución económica e loita contra o impacto que a crise da COVID-19 e a escalada de prezos provocada pola guerra de Ucraína ten en Vigo.

O proxecto en canto ao capítulo 2 (gastos en bens correntes e servizos) comporta un crecemento notable (un 10,82% para 2023 fronte ao do 3,36% que xa aumentaba en 2022). Evidentemente neste aumento está reflectido o incremento dos prezos, dos custes de realizar os servizos, o aumento de salarios ligados á cláusulas de revisión salarial ou mesmo o incremento do custe da enerxía que supera os 4,9 millóns de euros; pero en todo caso este aumento tamén plasma que Vigo é un caso case exclusivo de Concello con nula capacidade de xestionar servizos dende un operador público e que a práctica totalidade dos servizos públicos son xestionados mediante o pago a empresas privadas de todo tipo. Sen empresas públicas e xestión pública directa de servizos estaremos sempre ao arbitrio da procura de maximizar beneficios por parte de empresas privadas.

Aínda que o orzamento de servizos sociais escala dos 19.268.714 € de 2022 (importe que era menor ao de 2021) aos 22.254.035 € deste 2023, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo sigue sendo incomprensible  como Vigo aínda está lonxe dos 100 euros de gasto social por habitante que é o que os profesionais do sector consideran un gasto necesario para complementar o catálogo de servizos sociais e ter garantida a eficiencia dos mesmos.

Ao xuízo da Marea de Vigo, a escusa da existencia dun maior número de persoas perceptoras do novo Ingreso Mínimo Vital, non xustificaba a redución de recursos que se consignaba no orzamento do 2022, e aínda que neste ano recupera cifras anteriores ao 2022 (loxicamente polo aumento de solicitantes de axuda nos servizos sociais da cidade, sigue sendo unha cifra insuficiente para cubrir a realidade dos solicitantes.

No relativo aos investimentos propostos, neste proxecto orzamentario para 2023 amósase unha incapacidade manifesta de executar o orzamentado e que, ano tras ano, vai provocando notables disfuncións no proxecto de orzamento. Ano tras ano prodúcense anuncios de grandes cantidades de recursos económicos en investimentos. Neste ano 2022 os investimentos iniciais diminúen dos 39 millóns iniciais en 2022 aos 27 neste 2022, unha variación negativa de case un 30% da que non se dá ningún tipo de explicación no proxecto orzamentario.

Marea de Vigo considera que no proxecto orzamentario para o ano 2023 faltan, tal e como expresou tamén para o uso dos remanentes, as seguintes prioridades de gasto, conscientes de que poden ser competencias tamén autonómicas, pero coa mesma argumentación que sostemos de que competencias autonómicas son tamén a cubrición de patios escolares, as becas de inglés ou as partidas de fomento de comercio que xustifican que o goberno local con recursos públicos ilumine con luces de nadal.

Malia o exposto aquí o proxecto orzamentario presentado deixa de novo poucas opcións de modificación que permitan financiar estas propostas, xa que a práctica totalidade do orzamento xa ten gasto comprometido ou está vencellado a contratos en vigor. “Pero é que ademais as modificacións que se propoñan para o vindeiro ano 2023 sobre as partidas “verdadeiramente modificables” ao noso xuízo son absolutamente insuficientes para acometer un ambicioso programa de reconstrución económica e consolidación do crecemento económico que debe rexer o ano 2023”, engade Rubén Pérez.