marea de vigo presenta emenda á totalidade á modificación orzamentaria que liberará os recursos para as axudas “indiscriminadas” de 205 euros por fillo ou filla.

3 de Outubro de 2022

Marea de Vigo presenta emenda á totalidade á modificación orzamentaria que liberará os recursos para as axudas “indiscriminadas” de 205 euros por fillo ou filla.

Marea de Vigo non comparte que se xestione a partida dende a Concellería de Educación e pide que se adscriba a Servicios Sociais para ponderar as axudas segundo á renda e ás necesidades e características de cada familia.

Vigo, 03-10-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo vén de rexistrar a súa Emenda á Totalidade á modificación orzamentaria 78/142 para acometer un plan especial e extraordinario de axudas ás familias con fillos/as escolarizados/as en ensinanza primaria. secundaria obrigatoria e educación especial, “cuxa finalidade é a utilización dos recursos do conxunto da cidadanía, un total de 5 millóns de euros emanados do orzamento do 2021, en repartir aos/ás escolares da cidade, arredor de 26.000 en axudas indiscriminadas de 205 euros por cada un/unha” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

Marea de Vigo concorda coa necesidade de habilitar axudas ás familias ante a situación inflacionista actual, e utilizar recursos publicos para tal fin. “Co que non concordamos é con esa práctica que consiste en coller a todas as familias viguesas e darlles o mesmo importe a todas sen ter en conta os niveis de renda nin o patrimonio, xa que supón un fraude á fiscalidade progresista” afirma o voceiro, que compara este feito coas políticas que fai por exemplo Díaz Ayuso en Madrid. “Un Goberno que se di progresista non busca unha fiscalidade igualitaria senón unha fiscalidade xusta” matiza.

Ante isto, Marea de Vigo emenda a modificación orzamentaria en base a non adscribir esta axuda á Concellería de Educación, senón á Política Social. “Se non hai que xustificar o gasto en materia educativa, estamos dándolle un sentido completamente antisocial -incide Pérez-. Que unha familia se gaste eses cartos en cuestións que nada teñen que ver coa educación significa que non se está cumplindo a función educativa que se pretende”. Ademais, no contido da emenda, Marea de Vigo propón que se ponderen as axudas en base a criterios de renda e patrimonio así como que non se dilate ata o ano que vén.

“Queremos que a modificacion se faga e se adiquen eses cinco millóns de euros mais non concordamos coas formas, que de facerse tal e como propón o Goberno de Abel Caballero, suporía unha práctica máis de políticas populistas e de oportunismo electoral ao tratar de achegala aos meses previos ás vindeiras eleccións municipais” conclúe Rubén Pérez.

📌Acceso á emenda 👉🏽 emenda modificacion 78-142