marea de vigo presenta emendas ao uso de 1,8 millóns de euros do remanente de tesourería para recuperar o imaxinasons, súbete ao castro e o programa movevigo
Por Marea de Vigo

audio da nova:
O Grupo Municipal de Marea de Vigo presentou hoxe unha serie de emendas á modificación orzamentaria proposta pola Xunta de Goberno Local para mobilizar 1.840.000 millóns de euros procedente do remanente líquido de tesourería do ano dispoñible trala liquidación do orzamento de 2022.
Marea de Vigo considera que “hai que mobilizar todo o remanente posible, toda vez que existe unha “suspensión das regras fiscais para os exercicios 2021, 2022 e, afortunadamente prorrogada para este 2023, e que supón unha oportunidade histórica para as administracións públicas de facer fronte a unha situación económica e inflaccionaria con numerosas incertidumes. “No que discrepamos é en que se emprega prioritariamente este recurso” sinala Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo.
Marea de Vigo lembra que esta nova situación permitiu ao Concello de Vigo mobilizar xa máis de 80 millóns de euros que significa poder empregar recursos económicos extraordinarios a maiores dos recursos que ordinariamente se mobilizan en cada exercicio orzamentario. “Ao xuízo do noso grupo municipal esta inxección de recursos extra debería ser planificada globalmente en programas económicos orientados á minorizar as consecuencias económicas e sociais das coxunturas que provocaron as decisións políticas que desbloquearon o uso de estes recursos” sinala o voceiro municipal.
O goberno local trae esta vez unha proposta de incorporar 1.840.000 millóns de euros do remanente para os programas de Festas de Verán, Festival de Jazz, Semana de Música Clásica e Marisquiño que se sostén en que os 700.000 euros orzamentados no programa de contratación de actuacións artísticas singulares para “Vigo en Festas 2023” non son suficientes. Entendendo o Grupo Municipal de Marea de Vigo que, salvo os recursos para os convenios xa programados como o Marisquiño ou os festivais de música que xa están orzamentados, o resto dos recursos non teñen uso finalista concreto, propón incorporar os seguintes usos:
- RECUPERACIÓN DO FESTIVAL IMAXINA SONS
IMPORTE A CONSIGNAR: 150.000 euros
Explicación da partida proposta:
Propoñemos recuperar o formato de este festival de Jazz que se desenvolvía en diferentes emprazamentos públicos da cidade (e organizado por un recinto hosteleiro privado como se plantexa agora como alternativa) recuperando cartel, proposta organizativa e orzamento incrementado pola evolución do IPC dende 2015.
- RECUPERACIÓN DO PROGRAMA SÚBETE AO CASTRO NO VERÁN
IMPORTE A CONSIGNAR 100.000 euros
Explicación da partida proposta:
Recuperar unha programación cultural e musical para os meses de verán nas instalacións do Castro con contido orientado á mocidade dentro dun programa de ocio alternativo cada vez máis necesario na cidade
- RECUPERACIÓN DO PROGRAMA MOVEVIGO
IMPORTE A CONSIGNAR: 50.000 euros
Explicación da partida proposta:
Propoñemos a recuperación do programa MOVEVIGO vehiculizado a través da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao. MOVEVIGO foi un programa integrador e que permitía, en colaboración coa Federación Veciñal “Eduardo Chao”, unha difusión e promoción sociocultural mediante actividades musicais, de teatro, monicreques e animación infantil dimensionada en canto ás parroquias e barrios da cidade, que establecía un programa extenso e con moita participación veciñal, e foi unha decisión unilateral do Concello o que finiquitou o programa tras moitos anos de exitosa existencia.
MOVEVIGO permitiría tamén descentralizar e dar participación veciñal de novo na toma de decisións sobre o nadal, entroido e outros elementos festivos e que sempre tiveron a perspectiva integradora do movemento veciñal.