marea de vigo presenta emendas á modificación da ordenanza do ibi

23 de Maio de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo presenta emendas á modificación da ordenanza do IBI

“Entre as emendas presentadas, recuperamos achegas que xa fixemos na propia proposta de ordenanzas fiscais para o 2018, como é o caso do aumento do imposto sobre bens inmobles nun 50% para vivendas baleiras” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

O grupo municipal da Marea de Vigo está de acordo coa proposta do Goberno Local en canto á aplicación do IBI ao Hospital Álvaro Cunqueiro -hospital que está en mans dunha empresa privada-, cuestión que motivou a modificación desta ordenanza fiscal, mais, para a Marea de Vigo, hai máis exencións ao pago do IBI que deberían recollerse nesta modificación, tal e como fixo constar nas súas emendas, ao solicitar a eliminación da exención que na actualidade conta tanto a Igrexa Católica como calquera asociación confesional no pago do imposto sobre os seus bens inmobles.

Por outra banda, no contido das emendas presentadas pola Marea de Vigo, pídese unha bonificación do 95 % da cota íntegra do imposto os bens inmobles de ensino universitario, así como unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto aos bens inmobles destinados a vivenda habitual onde se instalaron sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía proveniente do sol para autoconsumo, que sería de aplicación durante os tres períodos impositivos seguintes ao da finalización da súa instalación. “Non entendemos os motivos polos cales na nosa cidade non se tiña bonificado nin a universidade nin o uso de paneis solares” engade Rubén Pérez.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo solicita o engadido dun novo punto no artigo adicado ao sistema especial de pagamento cunha exención do pago do Imposto de Bens Inmobles para aquelas persoas que “teñan débedas contraídas en bens inmobles afectados por desafiuzamentos ou sobre os que, por insolvencia sobrevinda, acorden unha dación en pago para evitar o desafiuzamento da súa vivenda habitual” .

“Queremos que, á hora da aprobación anual da modificación das ordenanzas fiscais, dun xeito normalizado se modifiquen todas as ordenanzas dun xeito acorde ás necesidades da veciñanza viguesa e á realidade económica da cidade” remata Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.