marea de vigo presenta en rolda de prensa a moción en apoio á folga feminista do 8 de marzo que presentará no pleno de mañá.

27 de Febreiro de 2018

Marea de Vigo presenta, xunto a deputada de En Marea Paula Quinteiro, a moción que levará mañá ao Pleno en apoio á folga feminista do 8 de marzo.

Marga L. Barreiro: “Queremos que o Concello apoie activamente a Folga Feminista do 8 de marzo colaborando na súa difusión e chamando á veciñanza a súa participación, así como facilitando ás mulleres traballadoras do Concello e as das concesionarias que dependen del, a exercer do seu dereito á folga se así o desexan”.

Vigo, 27 de febreiro do 2018.- O Grupo Municipal da Marea de Vigo, ofreceu hoxe unha rolda de prensa xunto á deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Quinteiro, para facer un chamamento á folga feminista do 8 de marzo e presentar a moción que o grupo municipal da Marea de Vigo defenderá no Pleno de mañá.

“Este ano queremos incidir dun xeito especial para que se tomen en serio as reivindicacións das mulleres, esixíndolle ao Partido Popular a aplicación de políticas reais de igualdade, mais aló de baleiras declaracións de intencións. As mulleres tomaremos as rúas para demostrar que non só hai que parar o mundo senón que tamén é necesaria a súa transformación. Unha transformación estrutural e transversal que mude o patriarcado por xustiza e igualdade.” expresa Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Pola súa banda, Paula Quinteiro puxo enriba da mesa varios dos motivos que levan á folga do 8 de marzo. “As desigualdades marcan todos os ámbitos das nosas vidas. Cunha fenda salarial do 22%, o traballo asalariado para as mulleres é moito máis precario que o dos homes, mais as desigualdades tamén están nos fogares. O traballo reprodutivo e de coidados tamén debería socializarse, pórse en valor e ser redistribuídos no conxunto da sociedade” destacou a deputada.

Marga L. Barreiro engadiu ademais a valoración da Marea de Vigo sobre as declaracións que recentemente teñen dado diferentes persoeiros do Partido Popular con respecto á folga feminista do 8 de marzo: “Chama moito a atención o seu argumentario contra a folga, xa que reflicte un descoñecemento total do que é o feminismo, como exemplo as declaracións do secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, cando afirma que a folga non é unha medida axeitada por reducir á problemática a unha guerra de sexos. Ou as inaceptables declaracións do PP de Ourense, en boca de Xosé Manuel Baltar, cando pretende facer un lavado de cara manifestando o seu apoio á folga feminista. Isto si que supón todo un despropósito – explica a concelleira – mais o peor disto é o que transcende, as políticas que se levan a cabo por non saber ver o problema de fondo, deben asumir xa que a desigualdade é unha cuestión política, e políticas son as medidas que se deben tomar cara a súa erradicación.”