marea de vigo presenta no pleno de mañá unha moción pola eliminación da lei de depredación

24 de Outubro de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo levará ao pleno de mañá unha moción para a anulación da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais (lei de depredación).

Na moción, que será defendida pola concelleira Marga L. Barreiro, tamén se ínsta á Xunta á programación e execución de alternativas políticas e económicas sustentables cara a preservación dos bens naturais.

O pasado martes 17 de outubro era aprobada no Parlamento galego a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, procedemento levado a cabo a través da vía da urxencia para, e segundo explica Marga L. Barreiro, “para esquivar o período de consultas públicas previo, posicionándose ademais en contra de medidas que supuxesen unha planificación e dinamización económica do tecido empresarial e produtivo cara a unha actividade empresarial sustentable, resultando na realidade un grave ataque ao patrimonio natural, ao territorio e aos dereitos de participación e consulta ambiental da cidadanía e tamén das administracións locais.”

Para a Marea de Vigo, esta lei, que contou con ducias de emendas dos grupos políticos do Parlamento, reduce ao mínimo as garantías nos trámites ambientais así como a protección do patrimonio, constituíndo unha norma flexibilizadora, liberalizadora e desreguladora das políticas mineiras, enerxéticas e forestais en Galicia en favor dos intereses privados das grandes operadoras do mercado en ditos sectores.

“A intencionalidade da propia lei é moi clara, pretendendo simplificar nunha norma xeral aspectos esenciais das normativas que regulan tanto os trámites ambientais dos sectores mineiro, eólico e forestal, como a ordenación do solo industrial de Galicia. Aspectos que por exemplo deixarían a protección dos espazos da Rede Natura en papel mollado ou os criterios ambientais para a planificación de polígonos industriais” explica Marga L. Barreiro na propia moción.

Marea de Vigo considera que é de especial gravidade que coa realidade dos incendios forestais que vimos de padecer (con especial incidencia no termo municipal de Vigo), esta lei comporte a expansión dun modelo forestal baseado na liberalización e amparo dos monocultivos madeireiros e de biomasa que incrementan o risco de incendio, e ademais facilite expropiacións coa escusa das necesidades da industria extractiva forestal. Para Vigo é ademais moi significativo a facilidade outorgada aos procesos de expropiación forzosa ao facer máis sinxela a consideración de determinados proxectos industriais como estratéxicos, reducindo a autonomía municipal, eliminando control urbanístico coa declaración de utilidade pública, e de incidencia supramunicipal.

En resumo, tal e como expresa a concelleira Marga L. Barreiro, “esta lei aprobada pola Xunta de Galicia aposta por un modelo extractivo de escaso valor engadido e despreza un modelo económico social e natural sustentable. O espolio do nosos bens naturais común é o espolio do noso futuro. O sacrificio de garantías ambientais e dereitos sociais é unha hipoteca para as vindeiras xeracións.”