marea de vigo propón como viguesas distinguidas ao colectivo de traballadoras do servizo de axuda no fogar (saf).

8 de Abril de 2021

Marea de Vigo propón como Viguesas Distinguidas ao colectivo de traballadoras do Servizo de Axuda no fogar (SAF).
Oriana Méndez: “O Servizo de Axuda no Fogar é unha peza esencial na nosa sociedade que adquiriu un valor incalculable na loita contra a pandemia da covid-19 dende o seu inicio xa hai máis dun ano, unha realidade que puxo en relieve máis que nunca a necesidade de contar con fortes políticas públicas no eido dos coidados”.
Vigo, 08-04-2021. O Servizo de Axuda no Fogar, como servizo esencial recoñecido pola Xunta de Galicia e de titularidade municipal, “ten un obxectivo clave na nosa sociedade – sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo- , pois restablece a autonomía das persoas e evita situacións de desarraigo”. Un obxectivo que, ademais, “adquiriu un valor incalculable na loita que aínda estamos librando contra a pandemia” engade. “Agora, máis ca nunca, é fundamental, tamén en Vigo, deseñar políticas públicas que blinden os coidados. E, nesa tarefa, a voz das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar debe ser escoitada” explica.

“Elas, porque son en maioría absoluta de mulleres – apunta Oriana Méndez – representan o eslabón máis feble dos servizos sociosanitarios” mais, segundo a Marea de Vigo, esta condición de vulnerabilidade pode mudar “se as Administracións Públicas e os seus gobernos teñen a vontade política de levar adiante cambios necesarios de cara ao recoñecemento de dereitos das traballadoras e á excelencia do servizo, que debe chegar a moitos máis vigueses e viguesas” matiza a concelleira.

A crise sanitaria “puxo sobre a mesa de xeito descarnado a necesidade de protexer o público, de crear institucións e sociedades capaces de coidar ao conxunto da cidadanía, comezando polos servizos máis próximos e directos, os servizos municipais” lembra Oriana Méndez. Marea de Vigo defende que o Concello de Vigo impulse o deseño dun sistema de coidados construído dende o público e propoñen, ademais, o recoñecemento de Viguesas Distinguidas para o conxunto de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Vigo.

Marea de Vigo insistirá en que o Concello de Vigo avance na xestión pública directa dos servizos sociais, remunicipalizando os servizos ao dia de hoxe concesionados como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar.