marea de vigo propón a creación dun consello municipal de seguemento dos servizos públicos locais
Por Marea de Vigo

audio da nova:
Marea de Vigo considera urxente incorporar unha figura de avaliación continua da calidade e cobertura dos servizos públicos esenciais na cidade (transporte, auga, lixo…) toda vez que as queixas por deseño de rutas no transporte, consumo e roturas na rede de abastecemento e mesmo estado dos viais no rural require un mecanismo veciñal de seguimento ante os reiterados silencios do concello.
20/03/2023
Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo está absolutamente “orfo” de mecanismos de participación cidadá verdadeiramente efectivos e que as centos de queixas ao 010, que aumentan de xeito notable ano tras ano, quedan en ocasións nun limbo de solución ao non existir un seguimento ou mecanismo útil para facelo. Os concellos poden e teñen que avaliar as queixas que se reciben polos servizos públicos e mesmo estudar se existen aumentos significativos das mesmas en áreas concretas, por exemplo en organización de rutas do transporte onde existen zonas concretas da cidade onde son recorrentes as mesmas queixas e mesmo as propostas de solucións de veciños e veciñas.
Marea de Vigo pide para un bo funcionamento da Área de Participación Cidadá a creación dun Consello Municipal de Avaliación dos Servizos Públicos Municipais participado pola FAVEC, por asociacións de consumidores e usuarios, os comités de empresa dos servizos afectados, as empresas concesionarias e os grupos municipais presentes na corporación que monitorice e sistematice a resposta ás queixas veciñais sobre defectos ou melloras nos servizos públicos municipais.
O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que “debería ser prioritario nunha cidade como Vigo, onde existe un amplo tecido asociativo, un movemento veciñal extenso e a cidadanía xa coñece e usa os mecanismos de queixa ou de participación pública de xeito normalizado”
Marea de Vigo considera que neste lexislatura especialmente moitas actuacións que se poderían levar a cabo en materia de consellos municipais ou acceso democrático ao concello, non se están facendo. Accións que, ao amparo da lei 39/2015, moitos concellos do estado implantaron en materia de consultas cidadás por exemplo en Vigo parecen negarse ou ignorarse.
O catálogo de mecanismos que xa funcionan noutras cidades é amplo, dende a redacción de Plans integrais de participación cidadá, a través de órganos de participación sectoriais e territoriais como este que propoñemos, ate a propia reformulación da Concellaría de Participación Cidadá dotándoa de recursos humanos, materiais e orzamentarios; a urxente elaboración dun novo regulamento de participación cidadá coa participación previa da cidadanía de forma individual ou organizada.