marea de vigo propón a medalla da cidade ás comisións de traballadores e traballadoras que no ano 1972 organizaron a folga xeral na cidade.

17 de Marzo de 2022

Marea de Vigo propón a Medalla da Cidade ás comisións de traballadores e traballadoras que no ano 1972 organizaron a folga xeral na cidade.

Na proposta da Marea de Vigo ínstase a que cada un dos sindicatos máis representativos na cidade (UGT, CCOO e CIG) escollan unha persoa que participase nas loitas do 72 para simbolizar ao colectivo e recoller o galardón.

Igualmente, Marea de Vigo propón como viguesa distinguida á Asociación Mutualista de residentes de Vigo en Buenos Aires.
Vigo, 17-03-2022. Entre 1970 e 1975 a cidade foi un fervedeiro de loita obreira con constantes mobilizacións, converténdose no punto de mira das forzas de seguridade da ditadura. “Foron moitas e moi duras as horas de activismo, xuntanzas, táctica e estratexia, que levaron a cabo ducias de valentes homes e mulleres da nosa cidade sembrando unha semente de liberdade e emancipación da clase obreira dende a clandestinidade” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “Moitas destas persoas pasaron pola cadea, viviron malleiras e sufriron a represión franquista, nalgún caso con graves consecuencias que aínda hoxe viven nas súas carnes” matiza Méndez.

Naquela altura, traballábase en tres frontes: as reivindicacións dos traballadores/as, que non eran só laborais, de mellora de salarios e condicións e de redución de xornada, a consolidación do movemento obreiro a través de comisións de obreiros e obreiras nas fábricas, e, “sobre todo, acabar co réxime coma obxectivo principal. Mentres houbese ditadura non ían ter nin sindicatos, nin liberdade, nin salarios, nin dereitos” engade a concelleira.

Coincidindo co cincuenta aniversario das folgas do 72, “cremos que é fundamental ensalzar e ter moi presente o papel deses homes e mulleres que arriscaron as súas vidas loitando pola liberdade e polos dereitos do conxunto da clase obreira e é por isto que consideramos, que como mínimo, deben ter un recoñecemento da cidade”.

📌medalla e vigués distinguido 2022

Foto : numax.org