marea de vigo propón o uso dos 45 millóns de euros de remanentes na reconstrución económica e social da cidade.

18 de Febreiro de 2022

Marea de Vigo propón o uso dos 45 millóns de euros de remanentes na reconstrución económica e social da cidade.

Rubén Pérez: “Os recursos dos remanentes foron liberados para a reconstrución económica pola situación extraordinaria que se está vivindo a causa da pandemia e para crear un escudo social para a protección das familias, e non para o que pretende o Goberno de Abel Caballero”.

Vigo, 18-02-2022. O Concello de Vigo foi un dos primeiros en utilizar o remanente de crédito tras a reforma lexislativa do Goberno do estado que permitiu o seu uso, para o que vén de presentar unha modificación orzamentaria na que mobilizará máis de 45 millóns de euros dese remanente, “mais non o van facer para paliar os efectos da crise económica derivada da COVID19 senón para levar a cabo humanizacións ou actuacións tan ‘bizarras’ como poñer unha cúpula de metacrilato no vagón do tranvía de Castelao” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo propón a utilización dos recursos dos remanentes en dez proxectos de reconstrución e de axuda económica ao tecido económico e ás familias que se basea en varios eixos fundamentais, para o que rexistrou onte unha emenda á totalidade.

Entre eses eixos, Marea de Vigo propón a creación dun parque municipal de vivenda no que a administración municipal dispoña de inmobles propios, a creación dun programa municipal de saúde, completar o catálogo de servizos sociais ampliando tanto servizos coma importes, un programa de promoción cultural para un sector que está sufrindo os case dous anos de paralización de actividade en moitos casos, así como axudas ao pequeno comercio e hostaleria, etc. “Usos que van na mesma liña do defendido pola Marea de Vigo dende o inicio da pandemia e na mesma liña pola que foron liberados os remanentes” matiza o voceiro.

“A pesar de que o Goberno local rexeite a nosa emenda – lamenta o voceiro -, seguiremos defendendo no Pleno que eses recursos deben ser adicados en políticas de reconstrución economica e non en políticas de efecto inaugurable e ornato, que non son prioritarios e para o que xa existen os recursos propios do Concello consignados nos orzamentos municipais”.

📌emenda modificación orzamentaria 12-2022 Marea de Vigo