marea de vigo propón que o goberno vigués complemente a subvención do estado sobre o transporte público urbano ata o 50%.

7 de Xullo de 2022

Marea de Vigo propón que o Goberno vigués complemente a subvención do estado sobre o transporte público urbano ata o 50%.

Oriana Méndez: “Instamos ao Alcalde de Vigo a que, tal e como fai no seo da FEMP con respecto ao conxunto de municipios do estado, teña a mesma vontade política para a mellora dos servizos públicos na nosa cidade”.

Vigo, 07-07-2022. O pasado martes, a FEMP e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana mantiveron unha xuntanza para axustar las Axudas ao Transporte Municipal, no marco da aprobación de medidas no RD 11/2022 para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra e facer fronte a situacións de vulnerabilidade social e económica, “axudas que no tocante ao transporte, contemplan un crédito de 100 millones de euros para reducir o prezo dos títulos multiviaxe nun 30%, desde setembro a decembro do 2022” explica Oriana Méndez. No encontro, no que participou Abel Caballero coma Presidente da FEMP, a Federación amosou a necesidade de recoller as particularidades dos diversos sistemas de transporte municipal, así como de axustar os fondos destas axudas para evitar un impacto negativo nas contas locais.

A proposta da Marea de Vigo neste respecto, e que “ás axudas que veñen do estado, se poida sumar outra parte de subvención por parte das administracións locais dentro das súas competencias ata chegar ao 50%, tal e como está facendo xa o Concello de Barcelona e está sendo estudada en moitas cidades de máis de 50.000 habitantes” sinala a concelleira, en referencia a outros municipios do estado que o están a facer, ao ser cidades ás afecta a medida aprobada.

Por outra banda, Marea de Vigo insiste en que Vigo debería ter un sistema de abonos anuais ou trimestrais que bonifique a máis colectivos dos actuais, “do mesmo xeito que se fai noutras cidades europeas, sendo este sistema moito máis completo e incluso sinxelo que o actual sistema da Pass Vigo” e lembra que, en todo caso, “insistimos en que foi un erro ter ampliado a concesión con VITRASA sen ter estudado a posibilidade da remunicipalización do servizo, algo que, en todo caso, daría máis flexibilidade ao Goberno local á hora de tomar todo tipo de medidas” conclúe.