marea de vigo quere que o concello de vigo reciba recursos da xunta dos asignados polo goberno central ao pacto de estado contra a violencia de xénero

28 de Febreiro de 2023

O Acordo que hoxe aproba o Consello de Ministros e Ministras consigna 140 millóns de euros para a execución de créditos orzamentarios no 2023 para o desenvolvemento do Pacto de Estado así como 19 millóns para programas contra a violencia machista das delegacións de goberno.

Marea de Vigo considera que a Xunta, como noutras transferencias do Estado, vai tentar que parte de eses recursos non chegue aos concellos e Vigo podería desenvolver plans contra a violencia de xénero con eses recursos de xeito perfectamente autónomo.

28/02/2023

Oriana Méndez, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera unha boa nova consignar recursos á continuación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, “recursos para loitar contra esta lacra, que na cidade de Vigo se cronifica con numerosos casos diarios nunca son suficientes, polo que optimizalos e garantir a súa execución integral “é absolutamente necesario”.

“Segundo o informe do Consello do Poder Xudicial durante o ano 2021 (últimos datos feitos públicos), 159.354 mulleres foron vítimas de violencia de xénero. Os Xulgados de Violencia sobre a Muller rexistraron 220.483 causas penais, das cales o 63% foron por lesións e malos tratos, o 11,2% por incumprimentos de medidas de protección e o 7,6% por incumprimentos de sentenzas. Na nosa cidade por exemplo, de non tramitarse no 2021 ningunha denuncia por violencia de xénero continuada no entorno dunha parella (as menos habituais e máis custosas de levar adiante por mulleres que levan toda unha vida sufríndoa) entre xaneiro e xuño deste ano xa levamos 28” indica Oriana Méndez, polo que estas recursos deben chegar aos Concellos para que planifiquen o seu uso de acordo ás características propias, os recursos existentes en materia de igualdade e o deseño de políticas de seguridade e organización das unidades de prevención e loita contra a violencia de xénero existentes nas policías locais.

Especialmente necesario tamén é evitar que os recursos que hoxe consigna o consello de ministros e ministras para as Delegacións de Goberno sexan empregados en políticas apegadas ao territorio e non en meras campañas institucionais como ten acontecido no pasado con transferencias semellantes.

Marea de Vigo defende que, tal e como pretende o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, entre Xunta e Concello se estableza un marco axeitado de colaboración e cooperación que permita axilidade na resposta integral, eficaz e coordinada en materia de prevención e loita contra a violencia contra as mulleres, e a protección e asistencia ás súas vítimas e asegurar a existencia, en todo o territorio do Estado, dun conxunto de servizos mínimos que garantan o exercicio efectivo dos dereitos das vítimas de violencia contra as mulleres consagrados na lexislación estatal vixente, e, en particular, na Lei Orgánica 1/2004 do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, e na Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de Garantía Integral da Liberdade Sexual. Para Marea de Vigo o principal motor desta coordinación debe ser o propio Concello de Vigo, polo que pedirá a transferencia de recursos ao concello e a creación dun grupo de traballo permanente entre institucións.