marea de vigo reclama ao concello que solicite axudas para o mantemento das colonias felinas da cidade

17 de Xaneiro de 2023

Marea de Vigo considera moi necesario optar aos recursos económicos que o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 habilitou o pasado 22 de decembro para mellorar e impulsar o control das colonias felinas na cidade, actualmente atendidas case na súa totalidade por voluntarias e entidades de protección animal

17/01/2023

Oriana Méndez, concelleira do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo), sinala que as subvencións que recolle a orde ministerial permitirían a Vigo ter un maior control e coidado das poboacións de gatos comunitarios. Lembra ademais que as administracións locais, en base ao artigo 25.2.b) y j) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, teñen competencias en materia medioambiental e de salubridade pública, polo que ter coidadas e controladas estas numerosas colonias existentes na cidade é un mandato necesario.

Marea de Vigo dirixiu un escrito á Concellería de Medio Ambiente e Vida Saudable do Concello de Vigo para coñecer se a concellaría vai solicitar axudas económicas ao amparo do que recolle a Orde DSA/1352/2022, do 22 de decembro, promovida polo Ministerio Dereitos Sociais e Axenda 2030 e publicada no BOE do 3 de xaneiro de 2023. Nela establécense as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais, destinadas a mellorar e impulsar o control das colonias felinas.

Para que o Concello de Vigo opte a estas axudas dende o propio goberno local teñen que presentarse proxectos para a conservación, coidado veterinario e sensibilización para a protección destas colonias, principalmente urbanas, que temos en numerosas partes da cidade. Marea de Vigo entende “que todos os colectivos animalistas da cidade teñen que ser chamados a elaborar xunto co Concello en proxectos concretos que opten as devanditas axudas”.

Marea de Vigo considera necesario preparar xa estes proxectos, posto que a presentación vence o vindeiro día 3 de marzo e existen varias liñas subvencionables que son de importancia para a tipoloxía de colonias felinas na cidade de Vigo: dende as axudas dirixidas á implantación do método CER (capturar, esterilizar e retornar, subvencionables ate un 100%), ate as dirixidas ao tratamento veterinario dos individuos das colonias felinas (con financiación de ate nun 80%), pasando polos necesarios acondicionamentos das colonias felinas existentes no municipio (subvencionados nun 60%) ou os plans dirixidos á sensibilización da poboación respecto das colonias felinas (que contan tamén cun 60% de financiación).