marea de vigo reclama ao goberno local a creación dunha rede municipal de bibliotecas.

11 de Agosto de 2021

Marea de Vigo reclama ao Goberno local a creación dunha Rede Municipal de Bibliotecas.

Oriana Méndez: “Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, volve ser sinalada por ter a peor situación bibliotecaria, contando con tan só unha biblioteca municipal”.

Vigo, 11-08-2021. A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD) vén de facer públicas as súas valoracións sobre as últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2019, publicadas polo Ministerio de Cultura. Segundo estes datos, “en Galicia contamos con 242 bibliotecas públicas (4 máis que en 2018), pero a súa distribución é moi desigual”.

“A nosa cidade volve ser sinalada polo abandono que padecemos en termos de servizos bibliotecarios” afirma Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. Segundo o informe: a provincia de Pontevedra cae moitos puntos debido principalmente á precaria situación bibliotecaria do concello de Vigo, onde a cidade máis poboada do país é a que goza dunha peor situación bibliotecaria. “Levamos anos, lexislaturas incluso, denunciando que Vigo, a cidade máis relevante de Galicia non só en poboación senón tamén en influencia, está nunha situación bibliotecaria máis ca precaria: alarmante. Seguimos a ter 1 soa Biblioteca Municipal” incide.

Segundo a concelleira, a realidade que agora traslada BAMAD, “é unha situación alarmante e tamén insostible, se o que se quere construír é un modelo de cidade que integre os principios esenciais das bibliotecas: solidariedade, interculturalidade, divulgación e participación activa da cidadanía”. “Lamentablemente – prosigue – , o que vemos é que o Goberno local, lonxe de promover eses principios, prefire o ‘sálvese quen poida’. Deixa á veciñanza sen unha rede municipal de bibliotecas e, polo tanto, deixa aos veciños e veciñas de Vigo á mercede das capacidades económicas individuais”.

Dende a Marea de Vigo “cremos que é urxente construír outro modelo. Urxe unha Rede Municipal de Bibliotecas á altura do motor cultural, literario e editorial que é Vigo” explica Oriana Méndez. Nesta liña, Marea de Vigo segue defendendo a creación de Bibliotecas “de verdade, non salas de lectura” apunta Méndez. “De nada serve ver ao alcalde inaugurando mesas e cadeiras, como tivemos que ver no caso de Navia” engade.
Igualmente, a concelleira da Marea de Vigo lembra que é preciso, “por fin”, a realización da Biblioteca Pública do Estado “mais tamén debe manterse a Biblioteca Juan Compañel – no Casco Vello e dependente da Xunta – cos seus propios fondos e co seu propio persoal” suliña.