marea de vigo reclama ao goberno local o cumprimento do acordo plenario sobre o persoal do aparcadoiro da praza de portugal e alerta sobre as prácticas de empark-dornier.

28 de Agosto de 2018

Marea de Vigo reclama ao goberno local o cumprimento do acordo plenario polo que o persoal do aparcadoiro da Praza de Portugal tiña que ser subrogado no momento da nova concesión e alerta das prácticas de Empark-Dornier, empresa actual adxudicataria do servizo.

Rubén Pérez: “Empark-Dornier é unha das concesionarias sobre as que imos estar absolutamente vixiantes en canto ao cumprimento en todos os ámbitos e materias, coma o laboral ou no propio regulamento do aparcadoiro, así como sobre as melloras ofertadas no momento da licitación ou calquera cuestión arredor deste contrato”.

Vigo, 28-08-2018. A piques de rematar a obra do aparcadoiro da Praza de Portugal, o grupo municipal da Marea de Vigo expresa a súa preocupación sobre a xestión do mesmo por parte de Empark-Dornier, “dados os graves e xa coñecidos incumprimentos en materia laboral da empresa concesionaria”, tratándose esta da mesma empresa que posúe o contrato da Xestión do Aparcadoiro Regulado (Zona Azul), servizo que na actualidade se atopa nunha situación de conflito laboral e cunha folga indefinida enriba da mesa a causa do despedimento de 8 traballadores, feito que, segundo a Marea de Vigo, “alén do conflito laboral e da persecución sindical denunciada por parte da representación sindical, supón tamén un flagrante incumprimento dos pregos de condicións ao non manter o persoal asociado ao servizo”.

Segundo a Marea de Vigo, neste momento, coa reapertura do aparcadoiro da Praza de Portugal “o primeiro que se debería facer é darlle percorrido ao acordo plenario de decembro do 2015, no que o Pleno por unanimidade aprobaba a subrogación do persoal asociado ao propio aparcadoiro con independencia do tempo que pasara, e no mesmo que o propio alcalde do PSOE, Abel Caballero, expresaba, á hora de aclarar o dictame final, que ‘o prazo temporal non vai a ser causa de extinción do dereito de subrogación’ por tanto, pedímoslle ao goberno de Abel Caballero coherencia e rigorosidade á hora de cumprir os compromisos asumidos no que é o máximo órgano de expresión da democracia na nosa cidade” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.