marea de vigo reclama contundencia a abel caballero para facer cumprir os acordos da femp con respecto á xestión directa dos fondos europeos de recuperación por parte dos concellos.

23 de Marzo de 2021

Marea de Vigo reclama contundencia a Abel Caballero para facer cumprir os acordos da FEMP con respecto á xestión directa dos Fondos Europeos de Recuperación por parte dos concellos.

Rubén Pérez: “Marea de Vigo vai facer valer ese compromiso da FEMP que o alcalde de Vigo semella esquecer cando chega a Madrid a unha negociación co Goberno e imos pelexar para que os fondos europeos cheguen de xeito directo e sen intermediarios ao Concello de Vigo, poidan ser utilizados en cuestións como a creación de emprego público ou políticas sociais.

Vigo, 23-03-2021. Ao longo do dia de onte, tanto na reunión da dirección da FEMP como tamén no manifesto que diversos alcaldes e alcaldesas de diferentes cores políticas fixeron publico, incidiuse na necesidade da participación das entidades locais no fondo de recuperación da Unión Europea de forma directa, “de xeito que eses acordos aos que se chegou no seu día no seo da FEMP, se conformen como veraces” apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

“A posición da FEMP, con Abel Caballero á fronte, é absolutamente tibia – sinala Rubén Pérez – , esiximos unha maior determinación ante o Ministerio de Facenda para que finalmente, tanto o acordo da FEMP como o acordo do Congreso dos Deputados e Deputadas que claramente pedía unha xestión directa dos Fondos Europeos se leven a cabo”,

Para Marea de Vigo , a xestión dos fondos “non é unha cuestión menor” xa que, segundo lembra o voceiro, “son os concellos os que asumiron de xeito máis decidido os primeiros gastos de loita contra a covid, os que asumiron competencias que non eran propias fronte á inacción doutras administracións, coma no noso caso, a Xunta de Galicia así como as deputacións provinciais, que estiveron ausentes en todo o proceso de dotación de servizos públicos e cobertura social a moitas familias”.

Marea de Vigo entende, tal e como explica Rubén Pérez, que “isto debería ser un compromiso prioritario tanto para Abel Caballero como Presidente da FEMP como para o Concello de Vigo como un dos concellos de referencia, pero tamén para as forzas políticas progresistas, xa que de non facelo estarían incumprindo un dos mandatos expresado históricamente en todas e cada unhas das asembleas da Federación Española de Municipios e Provincias sobre a xestión destes recursos, debendo ter carácter finalista para os concellos, grandes esquecidos no organigrama económico das administracións públicas”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo esixe a Abel Caballero como Presidente da FEMP que exerza presión contínua ao Ministerio de Facenda, “xa que sistemáticamente semella querer boicotear esta cuestión” engade Pérez.

“Desde Marea de Vigo como espazo municipalista imos pelexar para que os fondos europeos cheguen de xeito directo e sen intermediarios ao Concello de Vigo, que poidan ser empregados para a creación de emprego público, para completar os catálogos de servizos sociais así como para cuestións que vaian máis alá de escaleiras, ascensores ou demais obra pública cuxa urxencia non estea xustificada. Hai outras prioridades nas familias viguesas” conclúe o voceiro.