marea de vigo reclama transparencia e solucións ao goberno local ante o que está acontecendo na venta de entradas para os concertos de verán.

21 de Xullo de 2022

Marea de Vigo reclama transparencia e solucións ao Goberno local ante o que está acontecendo na venta de entradas para os concertos de verán.

Oriana Méndez: “Se o Concello de Vigo se gasta case dous millóns de euros de recursos públicos en subvencionar as festas de verán e os concertos poñendo as entradas a prezos asequibles para a xente, non pode haber un negocio de reventa en paralelo onde a poucas horas de saír a venta as entradas, estas pasan de 10 a 150 euros”.

Vigo, 21-07-2022. Marea de Vigo aprema ao Goberno local a que estude de xeito urxente o que está acontecendo coa venta das entradas aos concertos de verán e poña solucións de inmediato. “Dende logo negarse a investigar o que está pasando non é de recibo cando se trata dun produto subvencionado con cartos públicos – afirma a concelleira – se tan claro teñen que todo o proceso se está dando dun xeito limpo, teñen que poder amosalo publicamente e sen problema”.

Para o Grupo municipal, unha posible solución pode darse facendo as entradas nominativas; “cremos que é preciso estudar e poñer en marcha outro tipo de sistemas coma os nominativos, onde as entradas están ligadas a un DNI, xunto á implementación das medidas que sexan necesarias á hora de acceder ao recinto do concerto e facer as comprobacións pertinentes – matiza Oriana Méndez -, en todo caso, o sistema debe ser moito máis garantista que o actual”

Igualmente, Marea de Vigo incide en que “a solución non pode ser a proposta por Abel Caballero no 2019, cando se dixo que para dar prioridade aos vigueses/as e evitar a reventa as entradas poderían adquirirse coa Pass Vigo, tendo en conta que o obxectivo tamén é que a xente de fóra da cidade poida vir á cidade a disfrutar dos concertos” lembra a concelleira.

Existen cidades no conxunto do estado onde se están probando outros sistemas para a xestión das entradas dos concertos, coma é o caso de Sevilla, que se está a facer co DNI, ou Córdoba, onde presencialmente se reparten en distintos puntos da cidade.

Marea de Vigo quere lembrar que en Vigo segue sen estar dispoñible hoxe en día un lugar para concertos multitudinarios coma ten Santiago de Compostela e insta ao Goberno local a traballar para que Balaídos poida volver a ser ese lugar, “un espazo seguro onde se poidan controlar os aforos e que permita que se leven a cabo concertos e espectáculos de gran dimensión” conclúe Oriana Méndez.