marea de vigo reitera a necesidade de politicas de loita contra a violencia machista ante o número de casos atendidos pola policía local no último ano.

17 de Marzo de 2021

Marea de Vigo reitera a necesidade de politicas de loita contra a violencia machista ante o número de casos atendidos pola policía local no último ano.

Oriana Méndez: “184 é o número de casos de violencia machista atendidos pola policía local dende os inicios de 2020. Isto volve a poñer enriba da mesa prioridades que o Concello de Vigo debe atender en materia de loita contra a violencia de xénero”.

Vigo, a 17-03-2021. Cando se están xa pechando os actos de reivindicación entorno ao 8 de marzo de 2021, Marea de Vigo volve erguer a voz para poñer enriba da mesa necesidades acuciantes que ten o Concello de Vigo en materia de violencia machista. “Vimos de recibir resposta por parte da Concellería de Seguridade á nosa solicitude de información sobre o número de casos atendidos de violencia machista dende os inicios do ano 2020 ata o día de hoxe por parte da policía local, e esta resposta só amosa, unha vez máis, a acuciante necesidade de implementar de xeito integral políticas cara a eliminación da violencia contra as mulleres” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Neste sentido, a concelleira suliña que “hoxe por hoxe seguimos carecendo dun observatorio municipal contra a violencia de xénero, algo que xa teñen outros concellos galegos e no conxunto do Estado co obxectivo de analizar como se manifesta e evoluciona a violencia contra as mulleres no noso municipio, para así poder mellorar as intervencións sociais tanto preventivas como asistenciais”.

Na mesma liña de carencia, o Concello de Vigo tampouco dispón dun Plan Municipal Integral contra a violencia de xénero que planifique a loita contra as violencias machistas nos tres eixos fundamentais. Estes son, segundo Oriana Méndez, “primeiro, a prevención xunto á formación e sensibilización, segundo, a detección e a acción integral e terceiro lugar, a coordinación interinstitucional para optimizar a execución das medidas planificadas”.

Oriana Méndez pon como exemplo o Concello de Cadiz, “municipio que non chega aos 120.000 habitantes no que existe un Plan Municipal contra a violencia de xénero que consigna 300.000 € anuais”. Pola contra en Vigo, “as cifras das partidas destinadas á loita contra a violencia machista son desgrazadamente irrisorias e nin se executan. Esta inexecución non se corresponde só co periodo que abrangue á pandemia, senón que xa ven de antes” matiza a concelleira.

Igualmente, e tal e como xa trasladou o Grupo municipal da Marea de Vigo na moción do pasado mes, “son fundamentais cuestións como garantizar vivenda estable ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, así como facer efectivos os acordos da moción que xa foi aprobada no ano 2017 con respecto á adhesión de Vigo á Rede de cidades libres de trata e pola adopción de medidas abolicionistas. Neste sentido, reiteramos a necesidade de creación dunha unidade de traballo social especializada para as mulleres prostituídas que poida ofrecerlles unha saída urxente así como a cobertura das súas necesidades en canto a vivenda e alimento” conclúe Oriana Méndez.