marea de vigo reivindica políticas culturais e organización museística no día internacional dos museos.

18 de Maio de 2022

Marea de Vigo reivindica políticas culturais e organización museística no Día Internacional dos Museos.

Rubén Pérez: “Pedímoslle ao Goberno de Abel Caballero que reflexione sobre a política cultural da cidade, xa que estamos sendo unha auténtica vergoña en materia de políticas culturais e museísticas”.

Segundo a Marea de Vigo, a cidade require unha renovación e actualización do plan museístico de Vigo así como políticas económicas que inclúan partidas adicadas aos espazos museísticos en tódolos exercicios orzamentarios.

Vigo, 18-05-2022. Dende a Marea de Vigo, no Día Internacional dos Museos, que pretende reivindicar os espazos museísticos como espazos contedores culturais , “reiteramos a nosa denuncia sobre a situación museística da cidade así como as fortes carencias de iniciativas en materia de políticas culturais” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo lembra que “temos espazos culturais con apenas actividade, e incluso os que contan con programación, os seus horarios de apertura resultan moi acotados, tamén en periodos estivais ou de afluencia turística” afirma o voceiro. Isto débese, segundo Pérez, a “falla de coordinación cultural por parte do Concello xunto á falla de aportación económica”. Vigo é unha das grandes cidades que menos recursos adica a políticas culturais, sendo “especialmente pobre” o tocante aos museos, a sua organización e programación.

O Concello de Vigo “tamén segue sendo un dos concellos onde hai menos variedade cultural e as expresións alternativas de políticas culturais non existen, cando perfectamente os museos poderían ser espazos moito máis amables para o conxunto da comunidade artística da cidade – afirma o voceiro -, xa que gran parte dela nin tan sequera é convidada a participar por parte do Goberno local”.

No día mundial dos museos, Marea de Vigo volve a reclamar políticas culturais para a cidade, e quere lembrar que “foron moitos os espazos culturais que se foron perdendo entre a pasada e a actual lexislatura” ; o proxectado Museo da Fotografía, gran parte do Verbum (basicamente utilizado para eventos ou xuntanzas), carecendo moitos destes espazos de ningún tipo de aliciente turistico ou propiamente cultural.