marea de vigo responsabiliza directamente a concello, xunta e autoridade portuaria da marcha definitiva de o marisquiño da cidade de vigo.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo responsabiliza directamente a Concello, Xunta e Autoridade Portuaria da marcha definitiva de O Marisquiño da cidade de Vigo.
Oriana Méndez: “Isto é a demostración palpable de que cando as administracións públicas pelexan entre elas tratando de patrimonializar éxitos e desfacerse de fracasos, quen perde é a cidade. De novo Vigo desaparece do mundo para converterse nunha cidade cada vez máis triste e culturalmente pobre e endogámica”
“A decisión da promotora de O Marisquiño é absolutamente lóxica, ante unha cidade cuxas administracións públicas non estiveron á altura do festival” lamenta a concelleira.
Vigo, 22-02-2021. Coñecida a decisión da promotora de O Marisquiño de abandonar a cidade de Vigo de xeito definitivo, Marea de Vigo quere expresar a súa desolación e do mesmo xeito, ratifica o mesmo que dixo tanto no Concello como na Comisión de Investigación no Parlamento galego: “Isto só responde a unha falla de altura política e de capacidade de entender, por parte do Concello, da Xunta de Galicia e da Autoridade Portuaria, o que é esencial para a nosa cidade”.
“O Marisquiño era un evento que colocaba a Vigo no mundo, mais semella que o Goberno local só estaba pensando en destinar recursos a luces de Nadal e a eventos que non lle aportan absolutamente nada a esta cidade salvo seguir mantendo os chiringuitos montados ad hoc polos amigos do Goberno vigués, levando a cabo un recorte do 75% na subvención para o festival que hoxe anuncia o abandono da nosa cidade” engade Oriana Méndez.
Dende o primeiro momento tras o accidente de 2018 “as tres administracións actuaron dun xeito totalmente irresponsable, chegando a poñer o foco, dunha maneira vergoñenta, nos organizadores do único festival da única actividade que enchía Vigo durante varios días e semanas durante o verán” matiza a concelleira.
Para a Marea de Vigo, “coa marcha de O Marisquiño, marcha a posibilidade de ter expresións culturais diferentes na cidade” sinala Oriana Méndez. “Unha desertización cultural – prosigue – que estamos vivindo intensamente en Vigo nos últimos anos, e que, co mazazo de hoxe, nos coloca definitivamente nunha cidade completamente endogámica en canto as expresións culturais e con nula proxección internacional. Decidiron que O Marisquiño era prescindible e irrelevante para Vigo, na senda da actitude cosmopaleta do Goberno de Abel Caballero, que esta acabando culturalmente coa cidade”.
Marea de Vigo quere agradecer o esforzo do equipo de persoas que levaron adiante O Marisquiño dende os seus comezos, con aquela tímida ubicación en Samil, converténdose nun evento con gran proxección internacional nos últimos anos. “Ese esforzo NUNCA foi das administracións nin dos políticos que se pasearon polo evento para arrogarse unha representatividade do mesmo, ese esforzo foi da organización e de toda a xente que traballou no evento durante todos estes anos, incluso de moitos patrocinadores privados que en moitas ocasións e nomeadamente despois do accidente demostraron máis altura de miras que as administracións públicas” conclúe a concelleira.
*Foto: La Voz de Galicia